- A Universidade de Vigo, representada polo grupo Future Oceans Lab, do Centro de Investigación Mariña, participa neste proxecto europeo, que aglutina a 32 institucións de 17 países.
- CIM-Uvigo encárgase de avaliar a “vulnerabilidade climática”, tanto dos diferentes ecosistemas mariños e costeiros, como das comunidades de persoas que dependen dos mesmos.
- Enmarcado no programa Horizonte 2020 da UE, FutureMARES, que se estenderá ata o ano 2024, conta cun orzamento de máis de 8 millóns de euros.
Cerceda, a 5 de outubro de 2020.- Un total de 32 institucións de 17 países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo, representada polo grupo Future Oceans Lab, do Centro de Investigación Mariña (CIM-Uvigo), participan no proxecto europeo FutureMARES, que ten por obxecto o desenvolvemento de accións, estratexias e solucións baseadas na natureza (é o caso da pesca sostible, a restauración de hábitats mariños e a conservación de áreas mariñas protexidas) dirixidas a mitigar os efectos do cambio climático nos ecosistemas mariños.
CIM-Uvigo encárgase de avaliar a “vulnerabilidade climática”, tanto dos diferentes ecosistemas mariños e costeiros, como das comunidades de persoas que dependen dos mesmos, sendo o seu cometido identificar os “servizos ecosistémicos” e comunidades nunha situación de maior risco a través de estudos que se materializarán en diferentes puntos de Europa e América Latina.
Entre os días 22 e 24 do pasado mes de setembro, os participantes neste proxecto, que se estenderá ata o ano 2024, celebraron un encontro virtual de arranque para discutir os obxectivos, enfoques, fluxos de traballo e resultados esperados.
A próxima reunión do consorcio terá lugar en febreiro de 2021. FutureMARES organizará o seu primeiro evento de partes interesadas o 22 de outubro de 2020. Non obstante, a crise xerada polo COVID-19 podería traer consigo cambios nas actividades previstas, entre as que figuraban un amplo programa de consultas e workshops con axentes locais, que deben ser redeseñados.
O proxecto leva a cabo a súa investigación e coopera con organizacións mariñas e o público en cinco rexións de estudo de caso en todo o mundo. A súa pretensión é brindar asesoramento sobre políticas con base científica sobre o mellor xeito de utilizar as SbN (Solucións baseadas na Natureza) para protexer a biodiversidade futura e os servizos dos ecosistemas nun clima futuro.
Enmarcado no programa Horizonte 2020 da UE, FutureMares conta cun orzamento de máis de 8 millóns de euros.
Fonte: FutureMARES
Imaxe: Pixabay