- Así o manifestou Ana Botas, xerente da Agrupación industrial Galega de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), nunha entrevista recollida no último número da Newsletter corporativa de Sogama
- Con 70 socios pertencentes a un amplo e diverso abano de áreas ambientais, o obxectivo de Viratec é xerar sinerxías entre diferentes ámbitos de coñecemento, promover a I+D+i e impulsar oportunidades de internacionalización
- O seu plan de acción pasa por promover a participación activa dos socios a través dos diferentes comités creados no seu momento e poñer en valor o sector ambiental galego, ao que cualificou de “puxante, forte, innovador e cheo de coñecemento”
Cerceda, a 18 de novembro de 2022.- Nunha entrevista recollida no último número da Newsletter corporativa de Sogama, Ana Botas, xerente de Viratec (Agrupación industrial Galega de Solucións Ambientais e Economía Circular), explica a razón de ser desta entidade, aínda nova, pero con moito futuro por diante e con moitas achegas que facer á sostibilidade en Galicia. Neste sentido, definiuna como un ecosistema de cooperación público-privada no que se integran corporacións e empresas de diferentes tamaños, así como emprendedores e centros tecnolóxicos vinculados ás tres universidades galegas, cuxo obxectivo é xerar sinerxias entre diferentes ámbitos de coñecemento, promover a I+D+i e impulsar oportunidades de internacionalización.
Actualmente, Viratec conta con 70 socios pertencentes a un amplo e diverso abano de áreas ambientais, figurando entre os mesmos produtores de enerxías renovables, expertos en eficiencia enerxética e en solucións TIC, especialistas en augas, residuos, etc.
Ana Botas móstrase convencida da necesidade de traballar pola sostibilidade transversal, é dicir, aquela na que, ademais do medio ambiente, se integre o crecemento económico, o benestar e a acción social.
Como representante e portavoz de Viratec, agradece o respaldo da administración pública a través da dotación de recursos e, moi especialmente, valora que se teña en conta o punto de vista da Agrupación industrial, pois iso “permitirá dar pasos importantes no liderado ambiental da nosa comunidade”.
DO COÑECEMENTO Á ACCIÓN
Ademais de propiciar o intercambio de ideas e inquietudes, a agrupación está aberta a todos os puntos de vista, propiciando que as entidades socias poidan levar a súa bagaxe e experiencia a outros lugares do mundo.
Así mesmo, asegurou que Viratec ten claro que Galicia conta cun potencial contrastado para enfrontar a transición ecolóxica. “Debemos reivindicar o noso espazo no mundo do desenvolvemento sostible e ser aceno de identidade galega porque o talento, as tecnoloxías e as solucións ambientais xa as temos, e só é necesario que se implementen”. Incidiu en que o medio ambiente e as solucións de economía circular achegan enteiros ao PIB galego, polo que ”temos que velar polo rigor, a calidade, a innovación e, non menos importante, a formación e educación para garantir esa liña ascendente do sector ambiental galego”.
O plan de acción de Viratec pasa por potenciar a participación activa dos socios a través dos diferentes comités creados no seu momento. O obxectivo último en poñer en valor o sector ambiental galego, un sector “puxante, forte, innovador e cheo de coñecemento”, e darlle visibilidade para facer ben as cousas e contribuír á transición cara a unha verdadeira economía circular.
Saúdos, Departamento de Comunicación