- SIGFITO é a organización que, no conxunto de España, se encarga de recoller estes envases para darlles un axeitado tratamento.
- A entrada en escea deste SIX supuxo, no marco das esixencias lexislativas, un cambio no sistema habitual, pois, tal e como indicou no espazo radiofónico Ecovoz a súa directora xeral, Rocío Pastor, trasládase a responsabilidade do agricultor a toda a cadea, axudándolle a cumprir coa normativa vixente.
Cerceda, a 19 de xuño de 2020.- A axeitada xestión dos envases agrarios cobra especial relevancia na protección do medio ambiente e no coidado da natureza.
Desde a súa posta en marcha, no ano 2002, SIGFITO, organización conformada polos fabricantes e distribuidores dos produtos fertilizantes e fitosanitarios que utilizan os agricultores para a súa actividade profesional, é a organización que, no conxunto de España, se encarga de recoller os envases agrarios a fin de garantir o seu correcto tratamento, no que se prioriza a reciclaxe.
A entrada en escea deste SIX supuxo, no marco das esixencias lexislativas, un cambio no sistema habitual, pois, tal e como indicou a súa directora xeral, Rocío Pastor, no espazo radiofónico Ecovoz, “trasládase a responsabilidade do agricultor a toda a cadea, intervindo na mesma os distintos actores: desde os fabricantes ata os distribuidores, comercializadores e consumidores finais”.
Aínda que inicialmente había reticencia cara ao modelo, o certo é que, aos poucos, e grazas á concienciación, logrouse unha maior colaboración dos agricultores, chegando a recoller SIGFITO o pasado ano o 60% dos envases agrarios. Unha vez entregados nos puntos de recollida, baleiros e en boas condicións, dispénsase ao agricultor un xustificante que acredita o cumprimento das súas obrigas.
Estes puntos de recollida están presentes en todas as comunidades, se ben en Galicia a rede é moi densa, dispoñendo por 1.200 puntos.
INFORMAR, FORMAR E SENSIBILIZAR
A parte pedagóxica resulta fundamental para que o sistema funcione. Para isto SIGFITO apoiouse, en primeira instancia, no propio punto de venda dos produtos, así como nas organizacións profesionais agrarias e, por suposto, na Administración.
Adicionalmente, e co fin de estimular e incentivar a participación, o SIX conta cunha estratexia de fidelización mediante a concesión de puntos aos agricultores que acreditan a súa colaboración, canxeables por distintas contraprestacións.
Dada a diversidaed do territorio español, a organización procura adaptar as campañas ás características e idiosincrasia de cada territorio, sendo habitual que leven a cabo tarefas formativas e divulgativas en feiras, onde explican aos agricultores, e ademais de forma personalizada, o que teñen que facer e como o teñen que facer.