- Sogama lanza en redes sociais a súa particular Semana da Reciclaxe 2021 a fin de clarificar os residuos que deben e non deben ser depositados en cada un dos contedores de recollida selectiva.
- A partir de hoxe, e ata o próximo 17 de maio, Día Internacional da Reciclaxe, dedicará cada xornada a un recipiente específico, detallando as súas funcionalidades.
- Así mesmo, proporcionará unha serie de consellos e recomendacións para que os cidadáns propicien a reciclaxe da meirande parte dos refugallos producidos nos fogares e/ou centros de traballo e estudo.
Cerceda, a 12 de maio de 2021.- Sogama inicia hoxe, a través das súas redes sociais en Facebook, Twitter e Instagram, e baixo o lema “Garantir a reciclaxe é un xesto de responsabilidade”, a súa singular Semana da Reciclaxe 2021 cun obxectivo prioritario: que os cidadáns pertencentes aos concellos adscritos ao seu modelo de xestión saiban que residuos poden e non poden ser depositados en cada un dos contedores de recollida selectiva habilitados nas vías públicas, sendo esta a única forma de garantir a súa correcta reciclaxe.
Se ben unha parte importante da poboación identifica perfectamente os materiais a introducir en cada recipiente, o certo é que aínda existen dúbidas, coa particularidade de que cidadáns con moi boa vontade, e especialmente preocupados pola preservación do medio ambiente, cometen erros dos que non son conscientes.
É por isto que, cada xornada, e ata o próximo 17 de maio, Día Internacional da Reciclaxe, e tamén Día das Letras Galegas, as redes sociais de Sogama faranse eco dunha tipoloxía concreta de contedor, pretendendo arroxar luz sobre o proceso de recollida selectiva, esencial para posibilitar a transformación de residuos en recursos, conforme as directrices da economía circular.
UN DÍA, UN CONTEDOR
Hoxe, mércores, dedicarase ao contedor amarelo, destinado a acoller envases de plástico, latas e briks (nunca plásticos que non sexan envases e envoltorios), e mañá centrarase no azul, concibido para o papel e cartón (nunca papeis plastificados, encerados, sucios ou con restos de graxa). O venres tocaralle a quenda ao iglú verde, no que se depositan as botellas, os frascos e os tarros de vidro, e o sábado cobrará protagonismo o composteiro, con grandes posibilidades nas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (xardín, horao ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando o círculo de recuperación da materia orgánica, que regresa á terra en forma de abono natural.
O domingo dedicarase ao contedor verde convencional, que aglutina a fracción non reciclable. E xa o 17 proporcionaranse unha serie de consellos e recomendacións sobre hábitos e xestos que facilitarán a colaboración cidadá no sistema, propiciando a reciclaxe da maior parte dos refugallos producidos nos fogares e/ou centros de traballo e estudo.
Por exemplo, que os envases deben estar baleiros antes de depositalos no contedor amarelo e que non se deben introducir uns dentro doutros; que é necesario retirar do papel e cartón elementos accesorios tales como grampas, anelas e espirais, ademais de encartar as caixas antes de introducilas no recipiente azul; que os envases de vidro ofrecen moitas posibilidades para ser reutilizados e que os alimentos deben aproveitarse ao máximo, evitando tiralos ao cubo do lixo.
https://twitter.com/SogamaXunta
https://www.facebook.com/SogamaXunta/
https://www.instagram.com/sogamaxunta/
Saúdos, Departamento de Comunicación