- Foi presentada pola Unión Internacional de Telecomunicacións, que é membro fundador da Asociación Mundial de Estatísticas sobre Residuos Electrónicos.
- A través deste sitio web o internauta ten acceso aos informes E-Waste Monitor, nos que se recollen datos sobre produción e xestión de residuos electrónicos na maioría dos países do mundo.
- Por riba de todo, búscase incrementar as porcentaxes de reciclado nun 30% e aumentar nun 50% o número de países con lexislación sobre residuos electrónicos.
- O mundo refuga actualmente ao redor de 50 millóns de toneladas de lixo electrónico, pero só se recicla o 20%.
Cerceda, a 6 de xuño de 2019.- A Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), que é membro fundador da Asociación Mundial de Estatísticas sobre Residuos Electrónicos, presentou un novo sitio web globalwaste.org a través do cal o internauta ten acceso, a nivel de usuario, aos informes E-Waste Monitor, nos que se recollen datos sobre produción e xestión de residuos electrónicos na maioría dos países do mundo.
De non recibir un correcto tratamento, estes residuos, como é o caso de ordenadores portátiles, frigoríficos, sensores ou televisores, poderían ocasionar graves danos medioambientais. Pola contra, se son obxecto dunha xestión axeitada traerían consigo oportunidades económicas, calculadas en máis de 62.500 millóns de dólares anuais, así como a creación de millóns de novos postos de traballo.
A día de hoxe, 41 países recompilan estatísticas a nivel nacional sobre este tipo de refugallos. Contar con máis datos e de calidade contribuiría a facer un seguimento dos avances na consecución dos obxectivos mundiais da UIT en relación a esta fracción de lixo.
Por riba de todo, búscase incrementar as porcentaxes de reciclado nun 30% e aumentar nun 50% o número de países con lexislación sobre refugallos electrónicos.
David Malone, secretario xeral adxunto da Universidade das Nacións Unidas destacou a importancia de desenvolver políticas innovadoras no ámbito dos residuos electrónicos, fixar obxectivos de redución e supervisar o seu cumprimento, á vez que avogou por promover novas asociacións con múltiples actores participantes para a adopción de medidas, ata no sector privado.
O mundo refuga actualmente ao redor de 50 millóns de toneladas de residuos electrónicos cada ano, un peso superior ao de todos os avións comerciais que se fabricaron ata a data ou ao de suficientes torres Eiffel para ocupar toda a illa de Manhattan, que ten 87,5 quilómetros cadrados de estensión. Con todo, só se recicla oficialmente o 20% destes refugallos.
Tanto a Unión Internacional de Telecomunicacións como a Universidade das Nacións Unidas (UNU) e a Asociación Internacional de Residuos Sólidos (ISWA) participan na Asociación Mundial de Estatísticas sobre Residuos Electrónicos.
Fonte: ONU
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación