- A empresa entregou ao Concello outros tantos composteiros, con capacidade para 400 litros, e igual número de manuais didácticos.
- Máis aló dos beneficios ambientais propios da autoxestión da materia orgánica, esta iniciativa permite reducir a cantidade de residuos depositados polos participantes no contedor verde xenérico, propiciando o aforro de custos.
- Nos últimos anos, 22 concellos da área de Vigo incorporáronse ao programa de autocompostaxe impulsado por esta compañía pública, tendo repartido entre os mesmos, e de forma gratuíta, preto de 3.000 composteiros.
Cerceda, a 11 de xuño de 2021.- O Concello de Gondomar (Pontevedra) adscribiuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co obxectivo de formar parte dunha iniciativa orientada a previr e a reducir a produción de residuos e a propiciar a súa valorización en orixe, recuperando, a través da súa conversión en compost, a materia orgánica contida nos refugallos urbanos.
A empresa subministrou ao ente local un total de 50 composteiros, con capacidade para 400 litros, que serán repartidos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante; un abono natural con excelentes propiedades para o solo, toda vez que reforza a súa estrutura a través da achega de nutrientes e o preserva fronte a pragas e enfermidades.
Máis aló das bondades ambientais que trae consigo a autoxestión da materia orgánica, que representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, minórase a cantidade de residuos entregados a Sogama para o seu tratamento final, co conseguinte aforro de custos.
A compañía tamén enviou ao Concello manuais didácticos de apoio para que sexan entregados ás familias participantes. Nos mesmos explícase a operativa a seguir desde a propia localización do composteiro, que debe emprazarse nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas, e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que poden e non poden ser depositados no mesmo, incidindo na necesidade de controlar parámetros de suma importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Igualmente, os usuarios deben vixiar que a mestura entre fracción húmida e seca garde en todo momento un perfecto equilibrio a fin de que o abono resultante sexa de calidade e cumpra cos requisitos esixidos na lexislación vixente para ser aplicado na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións.
PRETO DE 3.000 COMPOSTEIROS REPARTIDOS NA ÁREA DE VIGO
O seguimento do programa recae no propio Concello que, no prazo dun ano, deberá remitir a Sogama o correspondente informe.
Nos últimos anos, un total de 22 municipios da área de Vigo incorporáronse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama (A Guarda, Arbo, As Neves, Baiona, Bueu, Cangas, Covelo, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mondariz, Mos, Nigrán, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra do Miño, Soutomaior e Tui), tendo repartido entre os mesmos, e de forma gratuíta, preto de 3.000 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación