- Así se constatou durante a primeira visita de diagnóstico realizada a cada colexio por parte dos educadores de Sogama, os cales trasladaron ao equipo docente as directrices a seguir para que os proxectos se materialicen con éxito, resolvendo dúbidas e proporcionando información adicional.
- Tras esta toma de contacto inicial, durante o presente mes de xaneiro levaranse a cabo as tarefas propias de formación, ás que seguirán dúas visitas máis de seguimento para evaliar as iniciativas desenvolvidas nos centros sobre reciclaxe, así como a calidade dos materiais depositados en cada un dos contedores de recollida selectiva.
Cerceda, a 8 de xaneiro de 2021.- Culminada a primeira visita de diagnóstico aos 10 centros escolares de primaria seleccionados para participar na novena edición do programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, a principal conclusión é a gran implicación e interese detectado por parte do profesorado en xeral e os docentes coordinadores dos proxectos en cada colexio de forma particular.
Malia as limitacións impostas pola COVID-19, o profesorado está disposto a realizar un esforzo adicional para que os alumnos tomen conciencia da problemática que representa a elevada xeración de residuos, interioricen o valor e as vantaxes do principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), coñezan a actividade de Sogama e trasladen os seus coñecementos ambientais á contorna familiar e social.
Tras esta toma de contacto inicial, que concluíu antes do pasado Nadal, durante este mes de xaneiro levaranse a cabo as tarefas propias de formación, ás que seguirán dúas visitas máis de seguimento para evaliar as iniciativas desenvolvidas en cada centro sobre reciclaxe, prestar asesoramento e corrixir posibles erros. Na última realizaranse as caracterizacións dos tres contedores (amarelo, azul e verde) que conforman as illas de reciclaxe aportadas por Sogama para que a comunidade educativa poida depositar nas mesmas os residuos xerados, propiciando desta forma o seu reciclado.
Durante a primeira visita, educadores ao servizo de Sogama trasladaron ao equipo docente as directrices a seguir para que os proxectos se desenvolvan con éxito, resolvendo dúbidas e proporcionando información adicional.
METODOLOXÍA ACTIVA, PARTICIPATIVA E LÚDICA
Os centros manifestaron a súa intención de empregar unha metodoloxía activa, participativa, integral, globalizadora, socializadora e lúdica, axudándose para isto das denominadas “Ecopatrullas”, conformadas por estudantes e profesores moi sensibilizados coa xestión sostible dos residuos que se encargan de vixiar as malas condutas doutros compañeiros e corrixir erros.
Algún colexio pretende ir máis aló e xa manifestou a súa intención de executar accións vinculadas ao “Obxectivo 13: Acción polo Clima” (ODS), polo que se insta a adoptar medidas urxentes para combater o cambio climático e os seus efectos.
A prevención e o consumo responsable figuran tamén na axenda ambiental dos colexios, que prevén levar a cabo outras accións complementarias tales como “Recreos, residuos cero”, “Patios dinámicos” e “Deberes en familia”.
Saúdos, Departamento de Comunicación