- Baixo a denominación Alliance to End Plastic Waste (AEPW), configúrase como organización sen ánimo de lucro e está conformada por case unha trintena de membros da cadea de valor dos plásticos e bens de consumo.
- O seu obxectivo pasa por promover e desenvolver solucións a escala para minimizar a xeración de refugallos plásticos e xestionalos de forma axeitada nun marco de economía circular.
- A Alianza estivo traballando co Consello Empresarial Mundial para o Desenvolvemento Sostible como socio estratéxico fundador e xa anunciou diversos proxectos e colaboracións: asociación con cidades, financiamento de The Incubator Network by Circulate Capital, desenvolvemento dun proxecto de información global de código aberto, colaboración con Nacións Unidas e apoio a Renew Oceans.
Cerceda, a 1 de febreiro de 2019.- Preto do 80% dos residuos plásticos que acaban no océano teñen a súa orixe na terra e, na súa maioría, chegan ao mar a través dos ríos. De feito, estímase que máis do 90% do plástico que circula por vía fluvial ata o mar faino a través de oito ríos en Asia e dous en África.
Ante a problemática que, a día de hoxe, representan os residuos plásticos e a ameaza que supoñen para os ecosistemas mariños en xeral, con afeccións importantes para a fauna, o turismo, a alimentación e a pesca, diversas compañías globais da cadea de valor dos plásticos e bens de consumo aglutináronse nunha organización coa que pretenden promover solucións a esta situación. Con tal fin investirán 1.500 millóns de dólares durante os próximos cinco anos. O obxectivo pasa por promover e desenvolver solucións a escala coas que minimizar a xeración de lixo plástico e xestionalo de forma axeitada nun marco de economía circular.
A Alianza representa a compañías globais e está localizada en América do Norte e do Sur, Europa, Asia, Sudeste de Asia, África e Medio Oriente.
O presidente e CEO de Procter& Gamble e presidente da AEPW, David Taylor, manifestou que constitúe o esforzo máis completo realizado ata o de agora para acabar cos residuos plásticos na contorna, e convidou a todas as empresas, grandes e pequenas, e de todas as rexións e sectores, a sumarse á mesma.
PROXECTOS E COLABORACIÓNS
A Alianza estivo traballando co Consello Empresarial Mundial para o Desenvolvemento Sostible como socio estratéxico fundador e xa anunciou diversos proxectos e colaboracións tales como a asociación con cidades para deseñar sistemas integrados de xestión de residuos en grandes áreas urbanas onde falta infraestrutura, especialmente nos ríos que transportan grandes cantidades de lixo deste terra ata o océano.
Aluden tamén ao financiamento de The Incubator Network by Circulate Capital para promover e desenvolver tecnoloxías e modelos de negocio e empresariais que eviten que os plásticos vaian a parar aos océanos e promovan a súa correcta xestión, tentando crear unha carteira de proxectos para o investimento enfocados inicialmente no sudeste asiático.
Contemplan igualmente o desenvolvemento dun proxecto de información global de código aberto baseado na ciencia para apoiar os proxectos de xestión de residuos con recompilación de datos, métricas, estándares e metodoloxías fiables para axudar aos gobernos, empresas e inversores.
A colaboración con organizacións intergobernamentais, como é o caso de Nacións Unidas, constitúe outra prioridade, pretendendo levar a cabo talleres de capacitación para funcionarios gobernamentais e líderes comunitarios, axudándolles a buscar solucións máis efectivas e relevantes a nivel local.
O apoio ao programa Renew Oceans, deseñado para capturar os refugallos plásticos antes de que cheguen ao océano desde os dez ríos principais, tamén se atopa en axenda.
Así mesmo, a Alianza impulsará o progreso en catro áreas craves tales como o desenvolvemento de infraestruturas para recoller e xestionar residuos plásticos e aumentar a reciclaxe: a innovación, para facilitar a súa recuperación e posta en valor; a educación e o compromiso de gobernos, empresas e comunidades para mobilizar a acción; e limpeza de áreas concentradas de residuos plásticos.
O vicepresidente de AEPS, Antoine Frérot, CEO de Veolia, sinalou que abordar unha economía circular dos plásticos require da participación de todos os que conforman a cadea de valor e o compromiso a longo prazo das empresas, os gobernos e as comunidades.
Fonte: www.endplastiswaste.org
Saúdos, Departamento de Comunicación