- Así o asegurou o presidente da Sociedade, Javier Domínguez, no transcurso da súa participación nunha xornada promovida pola Deputación da Coruña, en colaboración con COSITAL, para abordar as implicacións técnicas, administrativas e económicas da lei de residuos 7/2022
- Domínguez Lino mostrouse moi crítico co establecemento do imposto á valorización enerxética, toda vez que é un tratamento finalista que evita precisamente que os residuos non reciclables acaben en vertedoiro, a opción máis contaminante
Cerceda, a 2 de outubro de 2024.- Con motivo da súa participación na xornada que, baixo o título “O modelo de xestión de residuos da lei 7/2022. Implicacións técnicas, administrativas e económicas”, organizou a Deputación da Coruña en colaboración co Colexio Oficial de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (COSITAL) da Coruña e Pontevedra, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, defendeu o modelo de xestión integral desta Sociedade, que promove a recuperación de residuos e relega a vertedura a último lugar por ser a opción máis contaminante.
Neste sentido, incidiu en que, precisamente para promover a compostaxe da materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, a Xunta de Galicia, a través de Sogama, puxo en marcha unha rede de infraestruturas conformada por 17 instalacións (4 plantas de biorresiduos -unha por provincia- e 13 plantas de transferencia de apoio que contan cunha tolva específica para o transvasamento da fracción orgánica).
Malia que a xestión dos residuos é unha competencia municipal, Domínguez Lino explicou que o goberno autonómico, consciente dos escasos recursos de moitos concellos, puxo á súa disposición os medios necesarios para que puidesen cumprir coa lei, que obriga á recollida selectiva dos residuos orgánicos a partir do 31 de decembro de 2023.
Así mesmo, sinalou que o Complexo Medioambiental de Sogama, posicionado entre os máis modernos e eficientes de Europa, e que dá servizo a 295 concellos galegos, opera en sintonía coas plantas de xestión de residuos dos países europeos máis avanzados e comprometidos co medio ambiente, que apostaron de cheo por priorizar o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e complementalo coa recuperación enerxética da parte non reciclable, tal e como fai esta empresa pública.
Sinalou que, mentres que o uso do vertedoiro no modelo Sogama sitúase no 21%, a media de España atópase en máis do 50%, e isto malia ser a opción máis contaminante na xestión xerarquizada de residuos que promulga a UE. E deu un dato: o vertedoiro emite un 175% máis de CO2 que as plantas de valorización enerxética.
O canon máis barato de Galicia
Respecto do canon de Sogama, Domínguez asegurou que, aínda coa actualización do mesmo, continuará a ser o máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España. Ao respecto, puxo en valor o esforzo da Xunta de Galicia ao sufragar unha boa parte do seu incremento, que obedece precisamente ás medidas unilaterais adoptadas polo Estado e que penalizan economicamente aos concellos e aos cidadáns. “Mentres que o Goberno central sanciona con afán recadatorio, a Xunta actúa de parapeto para evitar que se lesionen as economías familiares”.
Aínda que o Estado argumenta o establecemento dos impostos á vertedura e á incineración no marco da lei 7/2022 con motivo da transposición dunha directiva europea, Javier Domínguez sinalou que 18 países europeos non os aplican, ben porque non responden o seu obxecto ou ben porque solicitaron unha moratoria, tal e como pediu no seu momento o sector español dos residuos, tendo presentado a Xunta alegacións á lei por considerar que debe traballarse no incentivo para promover a reciclaxe e non na penalización.
A xornada tamén contou coas intervencións de Simón Rego, conselleiro do Consello de Contas de Galicia, quen abordou a problemática da contratación pública da xestión de residuos; e Juan Ignacio Gomar Sánchez, inspector xefe de departamento na Subdirección Xeral de Inspección Tributaria da Axencia Tributaria do Concello de Madrid, que falou sobre as taxas locais da lei.
Saúdos, Departamento de Comunicación