-
Con 50 remitidos a A Guarda, esta localidade suma 388 vivendas incorporadas ao programa de compostaxe doméstica. En Pazos de Borbén entregáronse 25, o que fai un total de 375 e, en Marín, 100 unidades, polo que conta xa con 727 familias composteiras
-
En total, son 1.490 fogares dos tres municipios os que, a través da autocompostaxe, conseguirán reducir a produción de residuos en orixe e elaborarán o seu propio compost
Cerceda, a 13 de xuño de 2024.- Sogama remitiu aos municipios pontevedreses de A Guarda, Pazos de Borbén e Marín novas partidas de composteiros a fin de que a autoxestión da materia orgánica se estenda a novos fogares das tres localidades, dados os seus beneficios ambientais, económicos e sociais.
A Guarda, concello ó que se entregou 50 composteiros, pasará a dispoñer de 388 vivendas adscritas ao programa; Pazos de Borbén, con 25 composteiros, sumará 375 fogares; e Marín, con 100 novos recipientes, contará con 727 domicilios adscritos a esta iniciativa. En total, 1.490 familias conseguirán reducir a xeración de residuos en orixe grazas á reciclaxe dos restos orgánicos, que veñen a representar en torno ao 37-40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, á vez que producen o seu propio abono.
Igualmente, a empresa pública enviou aos entes locais manuais didácticos de apoio para que sexan distribuídos entre os participantes. Nos mesmos descríbese a técnica da autocompostaxe, dáse resposta ás preguntas máis frecuentes, así como aos erros máis comúns. Con todo, a entidade tamén se puxo ao servizo dos concellos para impartir cursos de formación presenciais a fin de explicar con detalle o proceso e resolver as dúbidas que poidan presentar os usuarios.
Os concellos quedan obrigados a facer un seguimento desta iniciativa para garantir o seu correcto funcionamento e deben entregar a Sogama, transcorrido 1 ano desde a súa implantación ou ampliación, o correspondente informe.
Comodidade e eficiencia
Se ben se trata dunha práctica tradicional no medio rural, a compostaxe doméstica modernízase coa dotación de composteiros, xa que posibilitan que o sistema resulte máis cómodo, hixiénico e eficiente.
Con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, os recipientes deben colocarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada, protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar o acceso dos microorganismos descompoñedores. Así mesmo, os usuarios deben encargarse de controlar o osíxeno, a temperatura e a humidade, xa que son factores que inflúen notablemente no resultado final, logrando deste xeito un compost de maior calidade.
Saúdos, Departamento de Comunicación