- Preto de 7.700 establecementos de toda España adheríronse a este programa, promovido por Ecodes, tendo desnvolvido máis de 125.000 accións coas que puideron minorar o consumo de auga e enerxía, mellorando as súas contas e creándose un mellor perfil climático.
Cerceda, a 18 de xaneiro de 2024.-Desde que se puxo en marcha, en 2017, o proxecto Hostelería #PorElClima, unha iniciativa pioneira en Europa promovida por Ecodes, preto de 7.700 establecementos de toda España adheríronse a este programa, tendo desenvolvido máis de 125.000 accións que lles permitiron reducir o consumo de auga e enerxía, mellorando as súas contas e creándose un mellor perfil climático.
Aforro de auga, eficiencia enerxética, mobilidade sostible, consumo responsable, xestión de residuos e pegada de carbono son as seis principais áreas de actuación suxeitas a avaliación para ser un establecemento hostaleiro sostible.
No caso da reciclaxe, por exemplo, por cada botella de vidro que se tira ao iglú verde, afórrase a enerxía necesaria para ter un televisor aceso durante 3 horas. O traballo está en habilitar unha zona na que dispoñer de contedores para a clasificación de residuos e conseguir un labor en equipo no que todos estean comprometidos con esta tarefa.
O uso das luces led, tanto para a iluminación de sala como para cociña, terrazas e almacéns, é outra das medidas máis estendidas. Isto conleva un aforro de ata o 80%, tanto en consumo como en custos e emisión de gases invernadoiro respecto das lámpadas incandescentes. Contar con sistemas de detección ou establecer un rango de temperaturas axeitado en neveira e conxelador,son outras das accións de aforro enerxético.
Priorizar provedores de proximidade, reduce as emisións de CO2 derivadas do transporte. Tanto en mobilidade como en desperdicio alimentario e sistemas de aforro de auga, aínda queda traballo por facer.
Na plataforma Hostelería #PorElClima pódese avaliar as medidas que se están a levar a cabo, a súa repercusión no medio ambiente e as accións que un establecemento podería formular para ordenar un plan de sostibilidade real. E todo isto de forma gratuíta e co asesoramento de Ecodes.
Partindo duns datos básicos, como as medidas do local, e a partir dun primeiro autodiagnóstico, é posible facerse unha idea global coa que empezar a traballar, e que tamén pode servir para solicitar axudas para pemes sostibles.
O seguinte paso é medir a cantidade de emisións de gases de efecto invernadoiro que produce a actividade de cada establecemento, un dos obxectivos clave no roteiro cara á descarbonización.
Fonte: Hostelería #PorElClima
Imaxe: Pexels