- Comunicado do presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino
Cerceda, a 19 de outubro de 2022.- Na xerga popular, ver a vida de cor de rosa é unha das metáforas máis utilizadas cando nos referimos a aquelas persoas que asumen a súa existencia con optimismo e sen preocupacións superfluas. É por isto que hoxe, Día Mundial da Loita contra o Cancro de Mama, en Sogama tamén queremos ver a vida de cor de rosa e transmitir esperanza e boas vibracións a aquelas mulleres que tiveron que enfrontarse a esta maldita enfermidade, que se atopan en plena loita ou que deben iniciar a súa particular batalla durante os próximos días.
A estas mulleres diriximos todo o noso ánimo para que saian vitoriosas dun trance que, afortunadamente, na súa maioría logran superar grazas aos avances da medicina, ao seu empeño e dilixencia, e, por suposto, grazas tamén ao apoio emocional das súas familias, amigos e contorna social.
A prevención adquire aquí todo o seu sentido e as innovadoras técnicas de detección precoz desta tipoloxía de cancro propiciaron que as expectativas de curación se viran acrecentadas de forma exponencial durante os últimos anos.
Neste sentido, non debe esquecerse que o cancro de mama constitúe a primeira causa de mortalidade na poboación feminina a nivel mundial, representando, segundo estatísticas da Organización Mundial da Saúde (OMS), o 16% de todos os cancros deste sexo. Así mesmo, estímase que 1 de cada 8 mulleres terá cancro de mama ao longo da súa vida, razón pola cal, ademais de levar uns hábitos de vida saudables, os controis regulares deban ser unha constante.
De forma directa ou indirecta, case todos coñecemos de preto o cancro de mama. Porque o sufriron ou sofren as nosas nais, irmás, fillas, avoas, tías, primas, amigas, veciñas ou compañeiras de traballo, auténticas heroínas que se aferran con forza á vida e aos seus seres queridos, e que son a cara visible da coraxe, o compromiso, o amor e o sacrificio.
Por todo isto e moito máis, desde Sogama queremos renderlles a nosa particular homenaxe e trasladarlles o noso máis sincero apoio e afecto cunha bolsa rosa (fabricada con PET reciclado), na que, baixo o lema “Sempre contigo”, gardamos para elas os nosos mellores desexos.
Presidente
Javier Domínguez Lino