- Así se recolle nunha declaración conxunta de ESWET, CEWEP, FEAD e Municipal Waste Europe, asociacións que representan a empresas públicas e privadas de toda a cadea de valor da xestión de residuos.
- Pediron á CE e á Plataforma de Financiamento Sostible que establezan criterios técnicos de selección para o tratamento de refugallos non perigosos en plantas de valorización enerxética no marco da taxonomía de investimentos sostibles.
- Se ben recoñecen que a prevención, a reutilización e a reciclaxe deben ser as prioridades, lamentan que o proxecto de informe publicado o pasado mes de agosto pase por alto a parte non reciclable.
- A declaración lembra que «os modelos nacionais máis avanzados na UE combinan un alto nivel de reciclaxe cun nivel axeitado de WtE, de modo que os residuos dos procesos de clasificación e reciclado poidan tratarse de forma segura e recuperar a súa enerxía».
Cerceda, a 2 de novembro de 2021.- Catro asociacións que representan a empresas públicas e privadas de toda a cadea de valor da xestión de residuos pediron á Comisión Europea e á Plataforma de Financiamento Sostible que establezan criterios técnicos de selección para o tratamento de refugallos non perigosos en plantas de valorización enerxética no marco da taxonomía de investimentos sostibles.
A Plataforma de Financiamento Sostible da CE está a concluír o seu proxecto de criterios para as actividades que contribúen aos obxectivos ambientais, incluída a transición cara a unha economía circular, pretendendo atraer financiamento cara a actividades sostibles.
Nunha declaración conxunta, ESWET, CEWEP, FEAD e Municipal Waste Europe lamentan que o proxecto de informe publicado o pasado mes de agosto pase por alto unha parte importante da xestión dos residuos como é o tratamento daqueles que quedan tras os procesos de recollida selectiva e clasificación, é dicir, a parte non reciclable.
Se ben recoñecen que a prevención, a reutilización e a reciclaxe deben ser as prioridades, as organizacións asinantes lembran que non todos os residuos se poden previr, reutilizar ou reciclar, e que non todos os países son iguais ante a xestión de residuos.
Os criterios publicados abranguen os chanzos superiores da xerarquía de residuos (prevención, reutilización e reciclaxe), pero «non dan ningunha orientación para o tratamento dos non reciclables aos países que terán que desenvolver este aspecto no seu sistema de xestión». Lembran tamén que «os modelos nacionais máis avanzados na UE combinan un alto nivel de reciclaxe cun nivel axeitado de conversión de residuos en enerxía (WtE), de modo que os residuos dos procesos de clasificación e reciclado poidan tratarse de forma segura e recuperarse a súa enerxía». Ademais, a evolución cara a unha reciclaxe de maior calidade está a provocar un aumento dos fluxos das fraccións non reciclables, e «deben ser tratadas en instalacións específicas», como as plantas de WtE.
As asociacións asinantes cren que «o financiamento da conversión de residuos en enerxía debería formar parte dunha estratexia global, aliñada coa xerarquía de residuos, na que se estimulen plenamente a prevención, a reutilización e a reciclaxe, e se limite ao mínimo a eliminación. Este é o requisito previo para o financiamento das plantas de WtE, evitando ao mesmo tempo calquera desenvolvemento contraproducente en relación ao logro dos obxectivos da lexislación da UE e os ODS».
Aseguran que «ignorar a valorización enerxética conducirá a sistemas de xestión de residuos incompletos, así como a riscos ambientais onde non se pode lograr unha reciclaxe de alta calidade debido á falta de saída para os rexeitamentos que conducen a tratamentos máis baixos na xerarquía».
Fonte: Residuos Profesional