- Así se recolle na quinta edición trienal da Memoria de Sostibilidade do Papel, publicada por ASPAPEL, poñendo de relevo un sector que lidera actualmente o proceso de descarbonización industrial cara ao que Europa debe avanzar.
- A taxa de reciclaxe de papel sitúase no noso país no 74%, superando en 12 puntos a media alcanzada por Europa en 2017 (62%).
- O sistema de recollida selectiva a través do contedor azul, complementado e reforzado a través das recollidas porta a porta do pequeno comercio, así como as específicas en centros escolares e dependencias municipais, é xa un caso de éxito na contorna comunitaria.
- Respecto dos propios residuos xerados no proceso de fabricación do papel, o 81% valorízase, relegando o vertedoiro á última opción, conforme á xestión xerarquizada que promulga a Unión Europea
Cerceda, a 18 de xaneiro de 2019.- O pasado mes de decembro publicouse, por parte de ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón) a quinta edición trienal da Memoria de Sostibilidade do Papel, un sector que lidera o proceso de descarbonización industrial cara ao que Europa debe avanzar, toda vez que, na súa Folla de Ruta 2050, ten por obxectivo reducir as emisións de CO2 nun 80% respecto de 2015.
Tal e como se recolle no documento, unha das principais características da industria da celulosa e o papel é a súa dobre circularidade, é dicir, ademais da súa vertente bio, a través da fabricación de bioprodutos procedentes de fontes naturais renovables, conta cunha vertente social e industrial derivada da reciclaxe, posibilitando a produción de bioprodutos que, tralo seu uso, recíclanse de forma íntegra.
E en reciclaxe de papel, España está entre os países líderes. A taxa de recollida deste material para reciclar atópase por riba da media europea e, en taxa de reciclaxe propiamente dita, sitúase xa no 74%, superando en 12 puntos a media alcanzada por Europa en 2017 (62%).
Non é de estrañar que, neste marco, a industria papeleira española se subira ao podium da reciclaxe, posicionándose como a terceira máis recicladora en volume.
O sistema de recollida selectiva a través do contedor azul, complementado e reforzado a través das recollidas porta a porta do pequeno comercio, así como as específicas en centros escolares e dependencias municipais, é xa un caso de éxito a nivel europeo, demostrando con creces a súa eficacia.
Con este escenario de partida, e co compromiso e colaboración de todos os axentes implicados, o noso país estará en condicións de asumir os cambios que se están producindo no mercado internacional para reciclar e afrontar os novos retos de futuro.
Neste sentido, é preciso recordar que o xigante chinés desenvolveu un plan de mellora dos seus sistemas de recollida municipal e definiu novos e máis esixentes criterios de calidade nas súas importacións de papel para reciclar, un movemento que, como non podía ser doutra forma, ten unha repercusión global ao desincentivar os sistemas de recollida a través dos cales se obtén un material de peor calidade con difícil saída no mercado.
Non obstante, a industria papeleira española garante a reciclaxe, no noso país, de todo o papel e cartón recollido selectivamente e que cumpra cos estándares europeos de calidade, isto é, coa norma europea EN 643.
VALORIZACIÓN INTEGRAL
Respecto dos propios residuos xerados no proceso de fabricación do papel, o 81% valorízase, relegándose o vertedoiro á última opción, conforme á xestión xerarquizada que promulga a Unión Europea. De feito, e se ben fai unha década vertíanse o 38% dos refugallos, esta porcentaxe reduciuse na actualidade ao 19%, formando parte da mesma aqueles materiais que, dadas as súas características, non poden recuperarse por outras vías.
Deste 81%, o 39% valorízase enerxeticamente nas propias fábricas; o 9,1% úsase como materia prima noutras industrias como a cementeira ou a cerámica; o 8,8% ten un uso agrícola directo; e o 7,3% destínase á compostaxe.
Fonte: ASPAPEL
Saúdos, Departamento de Comunicación