- Danesa de orixe, asumiu o cargo a mediados do pasado mes de xuño, substituíndo a Joyece Msuya, de Tanzania, quen continuará como Directora Executiva Adxunta.
- Aválana máis de 30 anos de experiencia en economía do desenvolvemento internacional, sostibilidade ambiental e formulación de políticas, así como no deseño e implementación de proxectos e a xeración de impacto no terreo.
- Entre as súas prioridades atópanse a maior acción sobre o cambio climático, a perda de biodiversidade e a loita contra a contaminación.
Cerceda, a 5 de xullo de 2019.- A economista e ambientalista de orixe danesa Inger Andersen asumiu a mediados do pasado mes de xuño, e por un período de catro anos, o cargo de Directora Executiva do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (ONU Medio Ambiente), substituíndo a Joyece Msuya, de Tanzania, que continuará como Directora Executiva Adxunta.
Andersen xa fora nomeada para este posto polo Secretario Xeral das Nacións Unidas, António Guterres, proposta que foi aprobada pola Asemblea Xeral en febreiro de 2019.
O seu currículum aglutina unha licenciatura na London Metropolitan University North e unha maestría da Escola de Estudos Orientais e Africanos da Universidade de Londres con especialización en economía do desenvolvemento.
A nova Directora Executiva de ONU Medio Ambiente ten entre as súas prioridades a maior acción sobre o cambio climático, a perda de biodiversidade e a loita contra a contaminación. Aválanna máis de 30 anos de experiencia en economía do desenvolvemento internacional, sostibilidade ambiental e formulación de políticas, así como no deseño e implementación de proxectos e a xeración de impacto no terreo.
Entre 2015 e 2019, Andersen foi a Directora Xeral da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN). Antes de unirse á UICN, desempeñou diversas funcións de liderado no Banco Mundial e as Nacións Unidas. Máis recentemente, foi Vicepresidenta de Medio Oriente e África do Norte no Banco Mundial, e previamente Vicepresidenta de Desenvolvemento Sostible e Xefa do Consello do Fondo do Consorcio de Centros Internacionais de Investigación Agraria (CGIAR).
Anteriormente, Andersen traballou nas Nacións Unidas durante 12 anos.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación