
- Monitores desta empresa pública desprázanse polos 27 colexios e institutos que participan na presente edición para comprobar a evolución dos proxectos de reciclaxe, resolver dúbidas e corrixir posibles erros
- No mes de maio, realizarán unha nova visita, incluíndo na mesma a caracterización dos residuos depositados nos distintos contedores que conforman as illas de reciclaxe proporcionadas por Sogama
Cerceda, a 26 de marzo de 2025.- Logo da formación presencial dispensada o pasado mes de xaneiro nos 27 centros educativos, tanto de Primaria como de Secundaria e Formación Profesional, que participan no programa “Recíclate con Sogama” 2024-2025, os monitores desta empresa pública iniciaron unha segunda visita de seguimento para comprobar a evolución dos seus proxectos de reciclaxe, prestar asesoramento, resolver dúbidas e tomar nota de propostas, observacións e comentarios.
Dado que o espírito do programa promovido por Sogama, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, é implantar a recollida selectiva de residuos en colexios e institutos, e que esta se incorpore aos hábitos diarios do profesorado e alumnado, preténdese comprobar a boa evolución das prácticas de redución, reutilización e reciclado para que, ademais de afianzarse nos propios centros, se extrapolen aos fogares e contorna social de docentes e estudantes.
A terceira e última visita terá lugar no mes de maio, e na mesma contemplarase tamén a caracterización dos residuos depositados nos catro contedores (amarelo, azul, marrón e xenérico) que conforman as illas de reciclaxe proporcionadas por Sogama a principios de curso. É dicir, quérese comprobar se a separación de residuos nas escolas está a facerse ben e se se están depositando nos contedores correspondentes; e, de non ser así, evidenciar os erros e tentar corrixilos.
Ao concluír o período académico, os centros deben presentar, a través da aplicación informática do Plan Proxecta, unha memoria de actividades na que deixarán constancia do traballo realizado, os medios utilizados e o grao de cumprimento dos obxectivos.
Esta memoria, xunto cos resultados das caracterizacións, servirá a Sogama para asignar as puntuacións a cada centro e verificar se superaron ou non os retos do programa.
Saúdos, Departamento de Comunicación