- Avánzase así na prevención da xeración de residuos e a súa disposición inadecuada no mar, centrando o foco de atención sobre as embarcacións de pesca e lecer.
- O proxecto, cofinanciado pola FEMP, conta co apoio da Fundación Biodiversidade, a través do Programa Pleamar, actuando como socio do mesmo a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores.
- Nun primeiro momento realizarase a toma de datos en 179 postos pesqueiros (17 portos do Estado e 162 portos autonómicos), nas Comunidades Autónomas de Galicia e Andalucía.
Cerceda, a 9 de xaneiro de 2020.- A Asociación Paisaje Limpio iniciou o pasado mes de decembro a terceira fase do proxecto BAJUREC a fin de avanzar na prevención da xeración de residuos e a súa disposición inadecuada no mar, centrando o foco de atención sobre as embarcacións de pesca e lecer.
O proxecto, cofinanciado pola FEMP, conta co apoio da Fundación Biodiversidade, a través do Programa Pleamar, actuando como socio do mesmo a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores.
Nesta fase levaranse a cabo actuacións encamiñadas a recabar información obxectiva da situación das infraestruturas de depósito de residuos nos portos pesqueiros españois a fin de que as autoridades competentes poidan tomar as medidas necesarias para garantir un óptimo tratamento dos mesmos, evitando o seu vertido ao mar; unhas medidas que, pola súa banda, deberán adoptar os Estados membros da Unión Europea de acordo á Directiva relativa ás instalacións portuarias receptoras a efectos da entrega de refugallos procedentes de buques.
O proxecto na súa globalidade abarca toda a zona costeira litoral e insular de España (excepto Ceuta e Melilla). Nun primeiro momento realizarase a toma de datos en 179 postos pesqueiros (17 portos do Estado e 162 portos autonómicos), nas Comunidades Autónomas de Galicia e Andalucía. Será a propia Asociación Paisaje Limpio a encargada de deseñar a metodoloxía a utilizar e crear unha base de datos que permita coñecer a situación actual das infraestruturas de residuos e o uso que delas se fai nos portos pesqueiros españois.
Constituída en 2004, a Asociación Paisaje Limpio é unha organización de ámbito nacional, e sen ánimo de lucro, que nace precisamente para impulsar accións contra o vertido incontrolado de residuos baseadas na información e formación, promovendo deste xeito unha cultura cívica e respectuosa co medio ambiente.
Fonte e imaxe: paisajelimpio.com
Saúdos, Departamento de Comunicación