- Os escolares do CEIP Fonte Escura de Vigo conmemoraron “A semana do clima” cunha serie de accións a través das cales quixeron evidenciar o seu compromiso coa protección da contorna.
- Tras recompilar información sobre as distintas fontes de contaminación, comprobaron que o plástico dun só uso representa unha seria ameaza. Tras un período de reflexión, decidiron eliminar este material das súas merendas.
- Así mesmo, habilitaron un sistema de recollida selectiva de residuos de carácter interno para propiciar o reciclado dos mesmos.
- Todo o seu traballo foi plasmado nun vídeo co que pretenden animar aos cidadáns a que se sumen á súa causa, que non é outra que ter un futuro verde.
Cerceda, a 21 de novembro de 2019.- Os pequenos do CEIP Fonte Escura de Vigo vestíronse de verde para conmemorar “A semana polo clima”. Crearon así un evento no que, xunto aos seus profesores, implicáronse plenamente a través dunha serie de xestos e comportamentos cos que pretendían evidenciar o seu compromiso co medio ambiente.
O primeiro día da semana dedicáronno á información e medios de comunicación. Logo de visualizar un vídeo sobre a importancia de coidar a contorna, encomendóuselles dúas tarefas: levar á escola periódicos e revistas nos que se falase dos danos medioambientais (vertidos, incendios, contaminación do aire, etc.) e recoller todo o plástico xerado nas aulas e o patio para utilizalo posteriormente como materia prima na elaboración dunha escultura.
O segundo día vestíronse con camisetas verdes e, despois do recreo, concentráronse nun punto do colexio co fin de gardar un minuto de silencio pola Terra.
Durante a terceira xornada, recortaron as novas e imaxes nas que se mostraba algún tipo de contaminación e habilitaron un panel no que ían pegando aquelas informacións que lles chamaron máis a atención.
O cuarto día expuxeron o seu panel e gardaron outro minuto de silencio polo planeta.
A contaminación plástica protagonizaba a meirande parte das novas recompiladas, co cal decidiron aportar o seu gran de area a través da elaboración dun manual de boas prácticas para prescindir do plástico nas merendas.
Así mesmo, habilitaron un sistema de recollida selectiva de residuos de carácter interno para propiciar o reciclado dos distintos materiais, unha vez depositados nos contedores correspondentes.
Con todas estas accións montaron un vídeo para animar aos cidadáns a sumarse a súa causa, que non é outra que ter un futuro verde.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación