- Estímase que cada ano teñen lugar ao redor de 600 millóns de casos de enfermidades transmitidas por alimentos inseguros, afectando de xeito desproporcionado ás persoas vulnerables e marxinadas, así como a poboacións afectadas por conflitos e migrantes.
- O impacto dos alimentos inseguros ocasiona perdas anuais de produción valoradas en 95.000 millóns de dólares nas economías de ingresos baixos e medios.
- A FAO, a través de distintas accións, presta axuda aos Países Membros en cuestións de inocuidade alimentaria.
- Para abundar nesta problemática e reto, proximamente celebraranse dous eventos de gran relevancia: a Primeira Conferencia Internacional FAO / OMS / UA sobre Inocuidade dos Alimentos, que terá continuidade co Foro internacional FAO / OMS / OMC sobre inocuidade dos alimentos e comercio.
- A xuízo da FAO, estamos nun momento crucial que esixe unha reflexión internacional urxente sobre as accións necesarias para reforzar a seguridade alimentaria.
Cerceda, a 5 de febreiro de 2019.- Os alimentos bos e inocuos constitúen a base dunha dieta saudable coa que contribuír ao benestar da cidadanía. En consecuencia, velar pola inocuidade alimentaria constitúe unha prioridade para que, por unha banda, os produtores agrícolas poidan acceder aos mercados e, por outro, se alcance a fame cero no mundo, só posible a través de alimentos seguros para o seu consumo.
Así, a inocuidade dos alimentos desempeña un papel crucial nas distintas etapas da cadea: desde a propia produción ata a colleita, o procesamento, o almacenamento, a distribución, a preparación e o consumo.
Os perigos transmitidos polos alimentos poden ser de carácter microbioloxico, químico ou físico, sendo con frecuencia invisibles a primeira vista. É o caso de bacterias, virus ou residuos de pesticidas.
Estímase que cada ano teñen lugar ao redor de 600 millóns de casos de enfermidades transmitidas por alimentos inseguros, constituíndo estes unha grave ameaza para a saúde humana e as economías, afectando de xeito desproporcionado ás persoas vulnerables e marxinadas, especialmente a mulleres e nenos, así como a poboacións afectadas por conflitos e migrantes.
Pola súa banda, o impacto dos alimentos inseguros ocasiona perdas anuais de produción valoradas en 95.000 millóns de dólares nas economías de ingresos baixos e medios.
AXUDA DA FAO
É por isto que a FAO, a través dun plan de traballo de gran alcance, tamén presta axuda aos Países Membros en cuestións de inocuidade alimentaria.
Entre outra moitas accións, fortalece os sistemas nacionais de control regulatorio de alimentos a través da asistencia ás autoridades nacionais na formulación de políticas habilitadoras e coherentes baseadas en datos e a asistencia aos gobernos na revisión e actualización da lexislación alimentaria, desenvolvendo igualmente as capacidades institucionais e individuais para realizar inspeccións de alimentos baseadas no risco, mostreo e análise, comunicación de riscos e xestión da seguridade alimentaria.
PRÓXIMOS EVENTOS
Os próximos días 12 e 13 de febreiro celebrarase en Addis Abeba a Primeira Conferencia Internacional FAO / OMS / UA sobre Inocuidade dos Alimentos, que terá continuidade co Foro internacional FAO / OMS / OMC sobre inocuidade dos alimentos e comercio, a levar a cabo en Xenebra o 23 e 24 de abril.
Esta conferencia conxunta reunirá a distintos colectivos sociais (ministros de saúde, ministros de agricultura, prestixiosos expertos científicos, axencias asociadas, así como representantes de consumidores, produtores de alimentos e do sector privado) co obxectivo de identificar estratexias clave para abordar os desafíos actuais e futuros da seguridade alimentaria a nivel mundial e reforzar o compromiso ao máis alto nivel político para ampliar a seguridade alimentaria na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible.
A xuízo da FAO, estamos nun momento crucial que esixe unha reflexión internacional urxente sobre as accións necesarias para reforzar a seguridade alimentaria.
Fonte e imaxe: FAO
Saúdos, Departamento de Comunicación