- Educadores de Sogama impartirán mañá neste centro diversas sesións formativas nas que participarán máis de cen escolares de Educación Primaria.
- O consumo responsable, os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e o concepto de economía circular, imprescindible para diminuír a produción de residuos e convertelos en recursos, constituirán as temáticas principais a abordar.
- Complementaranse con outras de gran interese tales coma o lixo mariño, a contaminación por plásticos, o desperdicio alimentario e as bondades da compostaxe.
Cerceda, a 4 de abril de 2019.- Dentro do programa de charlas externas impartidas pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, mañá tócalle a quenda ao CEP Pedro Caselles Beltrán de Tomiño (Pontevedra). Ata alí desprazaranse os educadores desta empresa pública para formar, a través de distintas sesións, a máis de cen escolares de Educación Primaria na economía circular, cuxo principio basease en manter os materiais e servizos o maior tempo na economía, minimizando desta forma a xeración de residuos e posibilitando a súa transformación en recursos.
Así, a prevención, o consumo responsable, a redución, a reutilización e a reciclaxe tomarán forma neste centro para que os pequenos coñezan o seu alcance e se impliquen de cheo en levalos á práctica como garantía de sostibilidade, presente e futura.
COTO AOS PLÁSTICOS DUN SÓ USO E AO DESPERDICIO ALIMENTARIO
De entre as temáticas a abordar, prestarase especial atención á correcta selección dos refugallos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores habilitados nas vías públicas para propiciar o seu reciclado. Tamén evidenciarase a problemática representada polo lixo mariño, que ameaza en boa medida a integridade dos ecosistemas, a vida da fauna e a propia alimentación humana, así como a contaminación por plásticos. Neste último punto porase o foco nos plásticos dun só uso (pratos, cubertos, vasos, paxiñas, etc) e que quedarán prohibidos na UE a partir do ano 2021, toda vez que o 70% dos residuos mariños están integrados por estes materiais, con orixe en terra.
Adicionalmente, exporanse os pormenores do desperdicio alimentario, xa que, a nivel mundial, pérdese un terzo da comida que se produce para o consumo humano. E, se ben nos países do primeiro mundo este fenómeno ten lugar fundamentalmente na etapa de consumo, o certo é que nos países do terceiro mundo e en vías de desenvolvemento, debido á falta de infraestruturas e de medios para o transporte e conservación dos alimentos, o desperdicio prodúcese sobre todo nas primeiras etapas.
Esta problemática trae consigo un negativo impacto ambiental, económico, social e moral. Tanto é así que, se o desperdicio alimentario fose un país, sería o terceiro emisor de CO2, sen esquecer o malgaste de auga e terra ocupada. Tal e como aseguran os expertos nesta materia, cando se arroxa un alimento ao lixo, pérdense todos os recursos investidos no seu cultivo e comercialización (terra, auga, combustible, traballo dos agricultores, transporte, etc).
Neste sentido, e dada a preocupación que o desperdicio alimentario supón para a comunidade internacional, os monitores proporcionarán sinxelas recomendacións para evitar que os alimentos acaben no cubo do lixo: planificar as compras, revisar a despensa, a neveira e o conxelador para consumir antes os produtos máis antigos, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novos menús.
IMPULSO Á COMPOSTAXE
E para a parte non comestible dos alimentos, a compostaxe pode ser unha magnífica opción. De feito, máis de 290 entidades de toda Galicia (concellos, centros educativos e colectivos sociais) xa se sumaron ao programa de compostaxe doméstica para elaborar compost a partir da materia orgánica xerada, obtendo un abono de alta calidade con excelentes propiedades para o solo.
Saúdos, Departamento de Comunicación