- O bioplástico obtido é un dos resultados de URBIOFIN, un proxecto europeo demostrativo sobre a viabilidade tecno-económica e ambiental dunha biorrefinería, cuxo obxectivo é poñer en valor residuos urbanos orgánicos e convertelos en bioprodutos para a súa produción a escala semiindustrial.
Cerceda, a 3 de outubro de 2022.- Investigadores do centro tecnolóxico AINIA desenvolveron un envase cosmético a partir dun bioplástico obtido de residuos orgánicos. A produción do mesmo conseguiuse mediante dous procesos biolóxicos: un primeiro proceso fermentativo sen osíxeno, que permite transformar os refugallos orgánicos en substancias volátiles (AGV´s), e un segundo proceso no que esas substancias son transformadas por microorganismos nun biopolímero.
Co biopolímero obtido realizáronse varios prototipos de envase para produtos cosméticos que foron testados polas empresas do sector Walla (Alemaña) e Welleda (Suíza).
Este bioplástico é un dos resultados obtidos no marco de URBIOFIN, un proxecto europeo demostrativo sobre a viabilidade tecno-económica e ambiental dunha biorrefinería cuxo obxectivo é poñer en valor residuos urbanos orgánicos e convertelos en bioprodutos para a súa produción a escala semiindustrial.
Ademais, estes resultados foron validados mediante unha análise ambiental no que se demostrou a sostibilidade do proceso.
Lograr unha xestión integral dos residuos urbanos para a súa valorización supón unha solución ao problema da contaminación ambiental, ademais de contribuír á transformación económica cara ao modelo que persegue o Plan de Economía Circular da Comisión Europea.
URBIOFIN é un proxecto de innovación financiado pola Bio Based Industries Joint Undertaking (BBI JU), baixo o programa da Unión Europea Horizon 2020, no que participa un consorcio conformado por quince socios europeos pertencentes a empresas, universidades e centros tecnolóxicos relacionados coa xestión de residuos, biotecnoloxías, bioproductos, biomateriais e biocombustibles.
SOBRE AINIA
Con máis de 30 anos de experiencia en I+D+i, AINIA sitúase entre os centros tecnolóxicos europeos con maior base social empresarial, contando con máis de 700 empresas asociadas e 1.600 clientes.
A súa actividade desenvólvese en todo o mundo, sendo a innovación continua a esencia da súa cultura.
Fonte: AINIA
Imaxe: Pexels