- Mediante a análise de ADN, un equipo de científicos da Universidade de Almería definiu cal é o conxunto de microorganismos que degradan residuos para convertelos en abono.
- Este avance facilita a procura de indicadores que avalíen os diferentes procesos de compostaxe a escala industrial, podendo predicir a idoneidade do produto para a súa comercialización.
Cerceda, a 8 de marzo de 2021.- O grupo de investigación ‘Desarrollo de técnicas microbiológicas para la mejora de suelos de interés agrícola’, da Universidade de Almería, identificou, mediante a análise de ADN, o conxunto de bacterias e fungos que degradan a materia orgánica para a súa conversión en compost. Este avance facilita a procura de indicadores que avalíen os diferentes procesos de compostaxe a escala industrial, podendo predicir a idoneidade do produto para a súa comercialización.
Baixo o título ‘Uncovering new indicators to predict stability, maturity and biodiversity of compost on an industrial scale’, o traballo, que foi publicado na revista Bioresource Technology, baséase no estudo de 15 procesos de compostaxe a escala industrial, tendo en conta a diversidade das materias primas orixinais.
O material que se pode converter en compost mostra unha enorme variabilidade. Abarca desde restos vexetais ata residuos sólidos urbanos, lodos procedentes da depuración de augas residuais ou calquera outro residuo orgánico da industria agroalimentaria.
A científica coautora do estudo, Francisca Suárez, sinalou que “Os avances en metagenómica –obter o ADN da globalidade de microorganismos dunha comunidade–, permiten constatar a complexidade de predicir a calidade dese abono; os tipos de microbios poden ser case exclusivos de cada proceso, polo que a análise xenética indica cales son os implicados en cada un de eles”.
Os investigadores afirman que, probablemente, menos do 2% dos microorganismos que habitan unha pila de compost son cultivables –é dicir, que se comproba a súa presenza en laboratorio-, o que dificulta o coñecemento de cales son e como estes axentes están implicados no proceso.
Aínda que a norma é a falta de homoxeneidade dos procesos de compostaxe a escala industrial, as investigacións realizadas polo equipo constatan que se obteñen produtos que cumpren cos estándares requiridos. Este feito deriva da capacidade de adaptación dos distintos grupos de microorganismos.
Despois de catro anos de traballo, o éxito dos resultados obtidos superou as expectativas do grupo, segundo Suárez. “Agora pretendemos executar estudos de diversidade funcional máis específicos, que axudarán a predicir a validez do compost desde un punto agronómico”.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pexels