- Un estudo publicado en Nature Computational Science calcula que, se non se aplican medidas, a Intelixencia Artificial producirá entre 1,2 e 5 millóns de toneladas métricas de residuos só nesta década
Cerceda, a 3 de decembro de 2024.- Agárdase que o desenvolvemento da Intelixencia Artificial xenerativa, como a que utiliza por exemplo ChatGPT, provoque un aumento dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE).
Un estudo publicado en Nature Computational Science, froito dunha colaboración internacional liderada por científicos de China e Israel, calcula que, se non se aplican medidas, a IA producirá entre 1,2 e 5 millóns de toneladas métricas de refugallos só nesta década. Na súa meirande parte, procederán dos elementos do hardware, como as unidades de procesamento ou as de almacenamento, e dos sistemas de alimentación.
Aínda que a IA xenerativa é útil para moitas aplicacións de investigación e algunhas tarefas cotiás, como a produción de textos ou imaxes, depende das rápidas melloras na infraestrutura de hardware e a tecnoloxía de chips.
O estudo, liderado polo investigador da Academia Chinesa de Ciencias, Peng Wang, considera catro escenarios con distintos graos de produción e aplicación de IA xenerativa: desde un escenario agresivo (con aplicacións xeneralizadas) ata un conservador (aplicacións específicas).
Segundo as proxeccións, o volume de residuos electrónicos podería alcanzar os 2,5 millóns de toneladas ao ano en 2030, supoñendo que non se tivesen en conta métodos de redución de residuos, e a cantidade total de RAEE creados pola IA xenerativa entre 2023 e 2030, podería alcanzar os 5 millóns de toneladas, no escenario con maior crecemento da IA. Neste último caso, os residuos electrónicos poderían incluír 1,5 millóns de toneladas de placas de circuítos impresos e 0,5 millóns de toneladas de baterías, que poden conter materiais perigosos como chumbo e cromo.
Os autores suxiren que a aplicación de estratexias de economía circular (nas que se amplía a vida útil da infraestrutura existente ou se reutilizan módulos e materiais clave no proceso de refabricación), podería reducir a xeración de residuos electrónicos ata nun 86%.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay