- No marco do proxecto Life-Repolyuse, que coordina a Universidade de Burgos, analízase a reutilización destes refugallos en matrices de xeso, tendo comprobado xa unha resistencia mecánica axeitada, unha redución da condutividade térmica nun 33% e unha redución no peso do material nun 31%.
- En 2017 xeráronse na Unión Europea máis de 700.000 toneladas de poliuretano, das cales estímase que un 27% acaba en vertedoiro, co conseguinte negativo impacto sobre a contorna.
Cerceda, a 5 de abril de 2019.- No marco do proxecto europeo LIFE-REPOLYUSE, que coordina a Universidade de Burgos, investígase, a través de técnicas innovadoras e novidosas, a valorización dos residuos de poliuretano mediante a súa reutilización como materiais de construción, concretamente en matrices de xeso.
Con tal fin, xa se analizou o comportamento de varias espumas de poliuretano procedente de distintos tipos de industrias (refrixeración, automóbil e vehículos fóra de uso) e caracterizáronse física, química e microscópicamente. Posteriormente, analizouse a posibilidade de incorporar estes residuos nunha matriz de xeso e ensaiáronse mesturas, determinando a súa resistencia mecánica á flexión e compresión, a súa reacción ao lume, o seu peso por unidade de área e o seu comportamento térmico. En todos os casos demostrouse que o residuo é inerte e non se produce lixiviación.
Ao incluír os residuos en matrices de xeso, obtívose unha resistencia mecánica axeitada, unha redución da condutividade térmica nun 33% e unha redución no peso do material nun 31%. En comparación cos produtos existentes no mercado, o equipo de investigación prevé lograr unha redución do 30% no consumo de enerxía e do 17% no consumo da auga, ademais dunha rebaixa do 18% nos custos de fabricación.
Presente en diversos produtos comerciais tales como neveiras e conxeladores, cuxa función é exercer como illante, ata colchóns, compoñentes de automóbiles e solas de calzados, o uso do poliuretano crece de forma exponencial, urxindo a súa correcta xestión ambiental. De feito, en 2017 xeráronse na Unión Europea máis de 700.000 toneladas deste plástico, das cales estímase que un 27% acaba en vertedoiro, co conseguinte negativo impacto sobre a contorna.
O proxecto LIFE-REPOLYUSE concluirá en setembro de 2020. O consorcio está conformado por empresas tales como Exergy Ltd, TECSA e Yesyforma Europa, tendo completado xa a construción do prototipo para fabricar placas de xeso-poliuretano.
A iniciativa conta cun orzamento próximo aos 400.000 euros.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación