- Un novo informe da Axencia Europea de Medio Ambiente incide en que unha nova política industrial verde da UE pode ser unha das pancas para evitar estancamentos nos investimentos verdes
Cerceda, a 9 de novembro de 2023.- Un novo informe da AEMA 'Investimentos na transición cara á sostibilidade: aproveitar a política industrial verde fronte ás limitacións emerxentes' pon o foco no próximo ciclo político da UE e analiza os desafíos e oportunidades craves para garantir a implementación continua do Pacto Verde Europeo no medio de demandas sociais en competencia e preocupacións cada vez maiores sobre a sostibilidade das políticas públicas.
Tal e como se recolle no documento, a nova política industrial verde da UE pode apoiar os investimentos públicos e mellorar as contribucións do sector privado para a transición cara á sostibilidade. Dado que as necesidades de investimento anual do Pacto Verde Europeo superan o medio billón de euros ata 2030, o financiamento privado será imprescindible para o éxito da transición.
A xuízo da Axencia Europea de Medio Ambiente, unha nova política industrial verde da UE pode ser unha das pancas para evitar estancamentos nos investimentos verdes, coa particularidade de que resulta necesario aumentar rapidamente os investimentos dos sectores público e privado, especialmente no ámbito da construción e o transporte, a fin de lograr a neutralidade climática en 2050.
O informe identifica a proposta da Lei de Industria Net-Zero como un primeiro paso clave cara a unha nova política industrial verde en Europa e debería estar apoiada por políticas horizontais baseadas no mercado único. A CE propuxo a Lei de Industria Net-Zero en marzo de 2023 para fortalecer a capacidade europea de fabricación de tecnoloxías net-zero e acelerar a transición de Europa cara á neutralidade climática.
Fonte: AEMA
Imaxe: Pexels