- Disto deixou constancia o director xeral de Sogama, Isidro García Téllez, con motivo da súa participación nun workshop internacional celebrado na sede portuguesa de Lipor e enmarcado no proxecto europeo Res2ValHum.
- Explicou a experiencia de Sogama na compostaxe doméstiao, con 300 entidades adscritas e máis de 10.300 composteiros repartidos, así como os labores de formación dirixidos aos usuarios.
- Así mesmo, referiuse á planta de compostaxe industrial que a empresa pública construíu e equipou en Cerceda e que entrará en funcionamento unha vez que os concellos máis próximos instauren a recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor.
- Xa no marco do proxecto europeo Res2ValHum, o director xeral de Sogama explicou as actividades realizadas por esta entidade ata o día de hoxe e nas que cobran especial peso as de carácter didáctico e divulgativo.
Cerceda, a 5 de xuño de 2019.- A aposta de Sogama pola compostaxe quedou de novo acreditada con motivo da participación do director xeral desta compañía pública, Isidro García Téllez, no workshop internacional celebrado na sede da firma portuguesa Lipor (Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos de Grande Porto).
A xornada enmarcábase no proxecto europeo Res2ValHum, liderado pola Universidade de Minho e do que forman parte, en calidade de socios, as entidades portuguesas de Lipor, CVR e Braval, ademais das galegas Sogama, CVAN e a propia Universidade de Santiago de Compostela, sendo o seu obxectivo poñer en valor a materia orgánica.
EN IMPLANTACIÓN E EN AMPLIACIÓN
Tralo acto inaugural, que correu a cargo de Fernando Leite, administrador-delegado de Lipor, e a exposición realizada pola Universidade do Minho da man da Doutora Fernanda Proença, García Téllez foi o encargado de expoñer a experiencia da Sociedade Galega do Medio Ambiente na compostaxe, incidindo especialmente na doméstica, que xa conta coa adscrición de 300 entidades, entre concellos, centros educativos e colectivos sociais, tendo repartidas entre as mesmas máis de 10.300 composteiros de entre 350 e 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Con todo, esta cifra seguirá crecendo ante as continuas peticións dos entes locais que desexan implantar, nuns casos, e ampliar, noutros, esta iniciativa para obter así importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
O directivo de Sogama quixo deixar constancia de que o labor de Sogama vai máis aló da mera dotación de medios materiais, levando a cabo igualmente un intenso traballo paralelo de formación e divulgación a través da edición de recursos didácticos e a impartición de cursos de formación presenciais destinados aos usuarios nos que se explica con detalle a técnica e incídese no necesario control de parámetros de gran relevancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, ademais de solventar as dúbidas que os veciños poidan presentar.
Pola súa banda, son os concellos os que se encargan dos labores de seguimento, visitando casa por casa ás familias para comprobar o traballo realizado e corrixir posibles erros. Unha tarefa de supervisión e control que ten un fin último: obter un abono natural de alta calidade que poida ser utilizado con absolutas garantías en hortas, xardíns e terras de cultivo, substituíndo aos fertilizantes artificiais, e que cumpra con todos os requisitos impostos pola normativa vixente.
Isidro García referiuse tamén á planta de compostaxe industrial construída e equipada pola entidade no lugar de Areosa (Cerceda), e que entrará en funcionamento unha vez que os concellos máis próximos instauren a recollida selectiva da fracción orgánica a través do quinto contedor.
DIVULGACIÓN DAS BONDADES DO COMPOSTAXE
Xa no marco do proxecto europeo Res2ValHum, o director xeral de Sogama explicou as actividades realizadas por esta entidade ata o día de hoxe e nas que cobran especial peso as de carácter didáctico e divulgativo.
É o caso da edición e elaboración dun manual de compostaxe orientado fundamentalmente a técnicos municipais, contidos formativos online para todos os públicos, un xogo escolar e un conto infantil.
Destacou tamén o exitoso workshop celebrado en outubro de 2018 en Vigo, e que contou coa participación de expertos en xestión sostible de residuos e, máis concretamente, na recuperación da materia orgánica, e avanzou o próximo workshop que Sogama levará a cabo no seu Complexo Medioambiental de Cerceda a principios do próximo mes de xullo e que estará orientado a dar a coñecer experiencias galegas de compostaxe a nivel local
A alocución de García Téllez concluíu cun guiño ao proceso de ampliación do complexo cercedense, que chegará ao seu fin en breve, e que permitirá á entidade tratar en condicións óptimas os residuos urbanos procedentes dos 295 concellos aos que dá servizo, multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe e chegar ao vertido técnico cero (10%) no ano 2020, dando así cumprimento a algúns dos grandes obxectivos da economía circular.
Saúdos, Departamento de Comunicación