- A pretensión desta publicación, elaborada polo centro tecnolóxico ITENE, e editada por AENOR, é axudar ás empresas para que poidan demostrar se os seus envases cumpren cos requisitos ambientais esixidos na transición á economía circular.
Cerceda, ao 26 de maio de 2021.- Máis de 470 profesionais de 320 empresas de sete países asistiron en días pasados á presentación online dunha guía elaborada polo centro tecnolóxico ITENE, e editada por AENOR, que recompila seis normas harmonizadas, xunto á metodoloxía para aplicalas, para que as empresas poidan demostrar se os seus envases cumpren cos requisitos ambientais esixidos na transición á economía circular.
A Guía para garantir a sostibilidade de envases e embalaxes. Valor e aplicación das normas harmonizadas, ofrece un marco claro para cumprir os principais obxectivos fixados pola Unión Europea (UE), entre eles, que en 2030 o 100% dos envases deberán ser reutilizables, reciclables ou compostables, e que o 55% dos envases deberán ser reciclados.
Desta forma, as empresas contan cunha guía clara para cumprir os obxectivos de redución, reutilización, reciclado e valorización contemplados na lexislación de envases e embalaxes, dispoñendo dunha ferramenta moi útil para demostrar se un envase é reutilizable, reciclable ou compostable.
Pedro Ballester, presidente do centro tencolóxico ITENE (especialista en I+D+i en envase e embalaxe, loxística, transporte e mobilidade), manifestou que “As empresas somos actores crave para facer real esta transición á economía circular. Esta transición non é só unha necesidade, senón que constitúe máis ben unha gran oportunidade para o desenvolvemento de novas tecnoloxías e a xeración de riqueza”.
A publicación pon de manifesto que os plans, estratexias e normativas que se desenvolveron nos últimos anos para garantir a sostibilidade dos envases e embalaxes, entre elas o Plan de Acción para unha economía circular en Europa (2015) e a Estratexia Europea para o Plástico nunha economía circular (2018), susténtanse sobre unhas bases que xa quedaron reflectidas en 1994 na Directiva 94/62/CE relativa aos envases e residuos de envases, modificada despois pola Directiva 852/2018.
A Directiva 94/62/CE foi trasposta a todos os países da Unión Europea e xerou un mandato ao Comité Europeo de Normalización (CEN/ TC) 261 sobre “Packaging” para que se desenvolvese un paquete de normas de referencia, que foron publicadas entre 2000 e 2005 co obxectivo de apoiar ás empresas no proceso de cumprimento destes requisitos ambientais.
Trátase dun total de seis normas harmonizadas que son recoñecidas na UE, e mesmo a nivel internacional, e polo seu carácter técnico non só seguen vixentes, senón que cobraron aínda maior valor coa entrada en escena das novas normativas sobre economía circular.
En 2019, o Comité Técnico de Normalización CTN 49 Envases e embalaxes. Aspectos horizontais de xestión ambiental, cuxa Secretaría exerce a Asociación Española de Normalización (UNE) e cuxa Presidencia ostenta ITENE, publicou un informe que pon de relevancia a vixencia e utilidade desas normas.
Máis información en itene.com
Imaxe e fonte: ITENE