- A intervención do presidente de Sogama, que terá lugar o próximo 11 de novembro vía online, enmárcase na mesa coloquio sobre valorización enerxética.
- Acompañaranlle Vicente Galván López, Director Xeral de Economía Circular na Consellería de Medio Ambiente da Comunidade de Madrid; Rafael Guinea, presidente de Aeversu; e Francisco Marín, Director Xeral de Medio Ambiente da Rexión de Murcia.
Cerceda, a 3 de novembro de 2020.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, foi invitado por AEMA (Asociación de Empresas de Medio Ambiente da Rexión de Murcia) a participar na Semana da Economía Circular.
A súa intervención terá lugar, vía dixital, o 11 de novembro, e enmárcase na mesa coloquio que leva por título “Economía circular e valorización enerxética no Marco do Pacto Verde”, erixido na folla de ruta para dotar á UE dunha economía sostible, reto que esixirá a transformación dos retos climáticos e medioambientais en oportunidades en todos os ámbitos políticos a fin de lograr unha transición xusta e integradora.
Moderada por José María González, formarán parte desta mesa Vicente Galván López, Director Xeral de Economía Circular na Consellería de Medio Ambiente da Comunidade de Madrid; Rafael Guinea, presidente de Aeversu; e Francisco Marín, Director Xeral de Medio Ambiente da Rexión de Murcia.
Aproveitando este evento, o máximo responsable de Sogama deixará constancia das melloras acometidas por esta Sociedade durante os últimos anos a fin de minimizar o vertido e poñer en valor os residuos, ben a través da súa reciclaxe ou ben a través da súa valorización enerxética, no caso da parte non reciclable.
VALORIZACIÓN ENERXÉTICA, ANTES QUE O VERTEDOIRO
Domínguez xplicará o proceso de ampliación do complexo medioambiental de Cerceda, onde se centraliza o tratamento dos residuos urbanos producidos por 295 concellos galegos (máis de 2.242.000 habitantes), tendo incrementado a súa capacidade nun 81% ao pasar de 550.000 toneladas anuais a 1.000.000.
Para isto púxose en marcha unha nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, concibida en liña coa industria 4.0, e remodelouse a antiga de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. A fracción non reciclable valorízase enerxeticamente a máis de 850ºC, contando Sogama coas tecnoloxías máis innovadoras para que esta operativa se leve a cabo dunha forma absolutamente respectuosa co medio ambiente e a saúde.
O modelo de xestión de residuos urbanos impulsado pola Xunta de Galicia segue fielmente as directrices europeas, priorizando a reciclaxe, convertindo en electricidade os refugallos que, dadas as súas características, non poden ser reciclados (de feito, produce a enerxía equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos), e levando a vertedoiro, única e exclusivamente, aqueles que, ademais de non poder ser reciclado,s tampouco poden ser recuperados enerxeticamente.
O vertido técnico cero atópase entre as prioridades de Sogama, toda vez que o vertedoiro ten un gran impacto sobre a contorna e a saúde, debendo relegarse ao último elo na xerarquía de xestión de residuos, coa particularidade de que os vertedoiros emiten 19 veces máis de CO2 que as plantas de valorización enerxética, que están suxeitas a un rigoroso e exhaustivo control ambiental, moi superior ao doutras infraestruturas industriais.