- Sogama, xunto con outras 54 entidades galegas que suman unha facturación total de 2.000 millóns de euros, forma parte deste Clúster, ao que aportará o seu coñecemento e experiencia na innovación tecnolóxica aplicada a residuos.
- O presidente desta Sociedade pública móstrase convencido de que, a bo seguro, este Clúster “desempeñará un papel clave na transición de Galicia cara a un modelo de economía circular, seguindo os principios do Pacto Verde Europeo”.
Cerceda, a 24 de novembro de 2020.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, participou, a través de videoconferencia, na reunión constituínte do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (VIRATEC), do que forma parte esta empresa pública, xunto con outras 54 entidades do sector, aglutinando todas elas unha facturación de 2.000 millóns de euros.
O máximo responsable da Sociedade Galega do Medio Ambiente mostrou a súa satisfacción por formar parte dun Clúster punteiro, 100% galego, e que, ao seu xuízo, “desempeñará un papel clave na transición de Galicia cara a un modelo de economía circular”.
Móstrase convencido de que hoxe, máis que nunca, a actividade dunha asociación destas características cobra unha importancia vital no marco do COVID-19, podendo exercer un papel relevante na implantación dos principios do Pacto Verde Europeo, erixido na folla de ruta que debe guiar a reconstrución dos Estados membros trala pandemia.
A pretensión de Sogama é aportar a súa experiencia e coñecementos na innovación tecnolóxica aplicada a residuos para que o desenvolvemento sostible se impoña na nosa comunidade. Isto traerá consigo, non só unha maior protección ambiental e un menor consumo de recursos, senón tamén a creación de emprego de calidade e a xeración de riqueza, contribuíndo ao PIB de Galicia.
MISIÓN E OBXECTIVOS DE VIRATEC
A misión deste Clúster, tal e como figura na súa carta de presentación, é “Incrementar a capacidade tecnolóxica, de innovación e a competitividade das empresas galegas que aportan solucións ambientais, fomentando un ecosistema de cooperación público-privada e entre empresas, xerando sinerxías entre distintas áreas de coñecemento, promovendo o I+D+i, mellorando a formación e creando oportunidades de internacionalización para contribuír ao desenvolvemento sostible da sociedade galega e á preservación do seu medio ambiente, baixo os principios da economía circular”.
Entre os seus obxectivos figuran o fomento de actividades conxuntas de I+D+i no ámbito tecnolóxico ambiental; apoiar a outros sectores a través de asociacións interclúster; dar a coñecer as capacidades da nosa comunidade como hub de innovación no sector ambiental, tanto a nivel nacional como internacional; impulsar o emprendemeento; apoiar á Administración coa proposta de solucións medioambientais eficientes; e promover a internacionalización do sector na forma de transferencia e comercialización de tecnoloxía desenvolvida en Galicia.
Saúdos, Departamento de Comunicación