- Organizado por Garbiker, empresa de xestión de residuos 100% pública e pertencente á Deputación Foral, terá lugar mañá e pasado, 28 e 29 de novembro
- Durante dúas xornadas, desenvolveranse presentacións e mesas de traballo sobre distintos ámbitos operativos, dedicando o segundo día ao da innovación
Cerceda, a 27 de novembro de 2024.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, acompañado por membros do seu equipo, viaxa a Bizkaia para participar mañá e pasado, 28 e 29 de novembro, no III Encontro de empresas públicas de xestión de residuos da Cornixa Cantábrica.
Organizado por Garbiker, empresa 100% pública de xestión de residuos pertencente á Deputación Foral, o obxectivo deste encontro é que as entidades presentes no mesmo compartan experiencias en distintos ámbitos operativos. Para isto prevese o desenvolvemento de presentacións e mesas de traballo onde os representantes das entidades porán en común as súas preocupacións, proxectos, iniciativas, expectativas e perspectivas de futuro. O día 29 estará dedicado á innovación no sector dos residuos, prevendo tamén a intervención de entidades sectoriais de Bizkaia.
Domínguez Lino será o encargado de explicar o labor e evolución de Sogama, especialmente durante os dous últimos anos. A súa exposición centrarase na rede pública galega de infraestruturas para a compostaxe da materia orgánica, conformada por 17 instalacións (4 plantas de biorresiduos -unha por provincia- e 13 plantas de transferencia de apoio), e os pormenores do programa de compostaxe doméstica liderado pola compañía en Galicia, no marco do cal xa repartiu de forma gratuíta máis de 22.600 composteiros.
Así mesmo, prestará especial atención aos proxectos de innovación nos que participa a Sociedade Galega do Medio Ambiente, como é o caso de Gresint, BFC Climatech e Smmash, e dará a coñecer as liñas básicas do plan estratéxico corporativo para o período 2024-2030, destacando a posta en marcha da primeira planta pública de clasificación e recuperación de residuo téxtil, así como o proxecto de transformación dixital, no que a Sociedade xa está inmersa, tanto desde a dimensión industrial como administrativa, sendo o seu obxectivo último gañar en eficiencia e axilidade, e aforrar tempo.
Neste sentido, incidirá na importancia que terá, nas relacións cos 295 concellos aos que Sogama dá servizo, e que aglutinan a máis de 2,2 millóns de habitantes, o que será o portal do cliente.
Saúdos, Departamento de Comunicación