
- O presidente de Sogama cualifica como “enriquecedor” o feito de ter a oportunidade de ver e coñecer outras iniciativas e experiencias que permitan ter unha visión global da problemática de residuos, e mesmo adoptar e moldear aquelas que poidan adaptarse a outros territorios
Cerceda, a 20 de febreiro de 2025.- No marco dun encontro celebrado no País Vasco entre os máximos responsables das plantas de valorización enerxética de España e Andorra integradas na Asociación Aeversu, o presidente desta empresa pública, Javier Domínguez, participou nunha visita guiada ao “Waste Lab Bizkaia”, un centro de referencia que impulsa a investigación, a innovación, a experimentación e a colaboración ao redor da sostibilidade na xestión de residuos. Focalizado na prevención e a economía circular, WLB promove solucións prácticas e sostibles para afrontar os retos do futuro.
Domínguez Lino cualifica como “enriquecedor” o feito de ter a oportunidade de ver e coñecer outras iniciativas e experiencias que permitan ter unha visión global da problemática inherente á xeración e tratamento de residuos, e mesmo adoptar e moldear, de ser o caso, aquelas que poidan adaptarse a outros territorios.
Resposta á necesidades e inquietudes de distintos colectivos
Situado no parque tecnolóxico de Bizkaia, en Derio, este espazo está deseñado para responder ás necesidades de seis colectivos estratéxicos: as empresas xeradoras e xestoras de residuos, que atoparán no novo centro unha contorna para identificar oportunidades de negocio e desenvolver proxectos conxuntos; equipos de investigación de universidades, centros tecnolóxicos e empresas, os cales poderán colaborar e nutrir as súas iniciativas nun eido que promove a innovación; entidades locais con competencias en residuos, que recibirán apoio en formación, asesoramento e desenvolvemento das súas políticas; estudantes de FP e Educación Superior, que poderán complementar a súa formación práctica e potenciar o seu pensamento analítico; profesionais de industrias creativas, tecnolóxicas e económicas, aos que se lles ofrece unha rede activa orientada á economía circular; e finalmente, a cidadanía en xeral, que participará en actividades de sensibilización, concienciación e experimentación nun espazo dinámico e interactivo.
O centro estrutúrase en tres niveles interconectados que ofrecen experiencias adaptadas a cada público. En ‘A Rúa’, o nivel superior e porta de entrada ao Waste Lab, está centrado na sensibilización a través de actividades inmersivas que permiten ao visitante comprender a importancia da correcta separación de residuos. No Barrio’, o nivel inferior, sitúase o núcleo de investigación e experimentación, sendo o seu obxectivo promover a convivencia e o traballo colaborativo entre investigadores, profesionais e estudantes. No nivel intermedio, ‘A Praza’, créase un lugar de encontro onde converxen todos os axentes implicados.
Saúdos, Departamento de Comunicación