- Baixo o lema “Por unha Volta sostible”, Ecovidrio e Unipublic, empresa organizadora da proba ciclista, amplían as medidas de sostibilidade do evento deportivo para concienciar sobre a reciclaxe de envases de vidro e a conservación da contorna natural
Cerceda, a 4 de agosto de 2022.- La Vuelta e Ecovidrio unen forzas para converter este evento deportivo nun referente de sostibilidade. Co lema “Por una Vuelta sostenible”, Ecovidrio e Unipublic, a empresa organizadora da competición, desenvolverán unha serie de medidas para concienciar a corredores e afeccionados da importancia do coidado do medio ambiente e a reciclaxe de envases de vidro durante La Vuelta 22, que percorrerá o noso país entre o 19 de agosto e o 11 de setembro.
A presentación das medidas de sostibilidade que se poñerán en marcha nesta nova edición tivo lugar no Espazo Vendas de Madrid. O evento contou coa participación de Javier Guillén, director xeral de La Vuelta; Óscar Pereiro, exciclista e embaixador de Ecovidrio e de La Vuelta; Borja Martiarena, director de Marketing de Ecovidrio; e Juan Mari Guajardo, speaker oficial de La Vuelta.
MÁIS SOSTIBILIDADE
A reciclaxe vai a estar presente tanto no percorrido da competición coma no pódium. De acordo coa normativa ciclista, Ecovidrio instalou Zonas Eco, áreas de recollida de residuos instaladas cada 40 km de etapa onde os corredores deberán depositar os seus residuos para evitar sancións. Ademais, os gañadores das etapas recibirán un trofeo fabricado con vidro reciclado e depositarán as habituais botellas de vidro coas que celebren o seu triunfo nun contedor instalado no pódium.
O Pelotón Verde de Ecovidrio, un batallón de cidadáns concienciados co medio ambiente, recollerán os residuos xerados durante o percorrido ao final das etapas de montaña.
Doutra banda, Ecovidrio instalará o contedor máis grande do mundo en Alacante, cidade onde finaliza a contrarreloxo da etapa 10. Este emblema de Ecovidrio que marcará o tempo dos corredores, simboliza o compromiso de toda a cidadanía coa reciclaxe de envases de vidro e a emerxencia climática.
Ademais das accións implementadas xunto a Ecovidrio, Unipublic desenvolve outras alianzas para deixar a menor pegada ecolóxica posible ao seu paso polos territorios naturais que atravesa. Para isto, tece unha ampla rede de coordinación cos patrocinadores vinculados ao sector da reciclaxe e a sostibilidade cos que realiza distintas accións tales como:
- Os maillots de líderes que elabora SMS Santini están fabricados con fibras téxtiles recicladas.
- Máis de 70 vehículos de Škoda formarán parte da flota de coches híbridos cos que se moverá La Vuelta 22, aos que se unen dous coches totalmente eléctricos.
- 30.000 vasos de cartón reciclado que usará Segafredo para servir cafés.
- Da man de Aquaservice instalaranse dispensadores de auga nas saídas e metas para que todo o persoal implicado na carreira poida encher as súas botellas reutilizables.
Fonte e imaxe: FuturEnviro