- Desde fai meses, traballa nunha intensa campaña informativa, formativa e de concienciación social coa que pretende implicar á poboación na recollida selectiva da fracción orgánica para convertela en compost.
- A iniciativa inclúe tamén a dotación de medios materiais aos veciños participantes: cubo, packs de bolsas compostables e unha chave para abrir o quinto contedor incorporado ás rúas, de cor marrón.
Cerceda, a 2 de marzo de 2020.- O concelleiro de Medio Ambiente de Laracha (A Coruña), José Ramón Martínez Barbeito, confía en que a recollida selectiva da fracción orgánica a través do quinto contedor, de cor marrón e 240 litros de capacidade, sexa exitosa e que alcance os obxectivos establecidos.
Laracha é o primeiro ente local de Galicia que pon en marcha esta iniciativa, “con orgullo e moitas expectativas”, tal e como asegurou o portavoz larachés nunha entrevista concedida a Radio Voz, e, sobre todo, coa satisfacción de contar coa colaboración duns veciños comprometidos coa protección da contorna.
Ademais dos beneficios ambientais que representa a transformación da materia orgánica en compost, dado o seu alto poder fertilizante para o solo, a compostaxe constitúe unha importante medida de prevención e redución de residuos que, máis aló das súas bondades ambientais e sociais, contribuirá igualmente a un aforro económico derivado da menor cantidade de lixo (bolsa negra) entregada a Sogama para o seu tratamento final.
Así mesmo, Laracha tamén foi o primeiro municipio en utilizar os servizos da planta de compostaxe industrial de Sogama, e fíxoo tras un intenso período de formación e concienciación dos seus habitantes.
Non en van, tal e como explicou Martínez Barbeito, a campaña, bautizada co lema “Ti tes a chave”, incluíu, non só labores de sensibilización, senón tamén de dotación de medios materiais, entregando ás familias participantes packs de bolsas compostables, un cubo específico para efectuar a selección en orixe e unha chave para abrir o contedor marrón, evitando desta forma que o recipiente estea exposto a usos inapropiados.
Coa implantación deste novidoso recipiente, Laracha deu un paso ao fronte na xestión sostible dos residuos urbanos, conforme á normativa vixente e aos obxectivos establecidos pola Unión Europea, contribuíndo ao mesmo tempo a reforzar os coñecementos dos veciños para participar no sistema con maiores garantías.
Saúdos, Departamento de Comunicación