- Así o manifestou en Ecovoz Arancha Mañas Álvarez, xerente da empresa galega PMA Nutrigras, centrada na xestión de residuos perigosos xerados por talleres e industrias e nos non perigosos como o aceite vexetal usado.
- Neste segundo caso, e trala recollida do mesmo, trátase e prepárase na planta que esta firma ten na localidade pontevedresa de Mos, desde onde se remite a unha refinería para convertelo en biocombustible.
- Unha xestión coa que se consegue un importante beneficio ambiental, transformando un residuo nun recurso, así como económico, toda vez que o custo que supón eliminar un quilo de graxa contida no aceite nunha depuradora municipal ascende a 3 euros.
- Desde fai unha década, e como parte da súa ética empresarial, a compañía leva a cabo un importante labor de formación e concienciación da cidadanía en xestión sostible de residuos, prestando especial atención aos escolares.
Cerceda, a 1 de abril de 2019.- PMA Nutrigras é unha empresa familiar de capital galego con historia e pioneira no seu sector. Unha das poucas que xa fai máis de 25 anos facían economía circular ao posibilitar a transformación de residuos en recursos, contribuíndo á protección do medio ambiente.
A súa actividade estivo vinculada desde sempre á xestión sostible dos refugallos en dous facetas: como axente intermediario, sobre todo nas provincias de Ourense e Pontevedra, a través da recollida, almacenamento e valorización de residuos perigosos xerados por talleres e industrias que levan a cabo un proceso produtivo, e a través da xestión directa dun residuo non perigoso como é o aceite vexetal usado.
Así o explicou no programa radiofónico Ecovoz a xerente desta firma, Arancha Mañas Álvarez, onde recordou que xa en 1991 comezaron coa recollida porta a porta do aceite usado en establecementos de hostalería a través de bidóns de 50 litros. Cando estes se enchían, recollíanse e deixábanse outros; un arduo traballo que implicaba un gran esforzo loxístico e que requiría da plena sincronización de todos os actores implicados.
Este aceite recibe tratamento na planta que PMA Nutrigras ten na localidade pontevedresa de Mos. Alí retírase a auga e restos de frituras, equilíbrase a acidez, toda vez que puido ser alterada debido á altas temperaturas ás que se somete o aceite na cociña e, unha vez contan con materia prima suficiente para cargar unha cisterna de 25 toneladas, transpórtana a unha refinería, onde se converte en biocombustible.
SOSTIBILIDADE AMBIENTAL, ECONÓMICA E SOCIAL
Con este proceso conséguense importantes beneficios, especialmente no plano medioambiental e económico. Tal e como argumentou Mañas Álvarez, “se este aceite usado se verte polo fregadeiro, cando chega ás depuradoras municipais forma unha graxa que ocasiona serios problemas no funcionamento das mesmas, cos conseguintes custos”. Exemplificouno dunha forma moi sinxela, xa que eliminar 1 quilo desa graxa en depuradora supón un desembolso de 3 euros.
Co sistema que aplica PMA Nutrigras, ponse en valor un residuo, evitando estes inconvenientes e converténdoo nunha nova materia prima que se introduce no circuíto comercial evitando o consumo de recursos.
Non obstante, a política e ética empresarial desta compañía lévalles a ir máis aló do labor puramente industrial. É por iso que desde fai unha década implicáronse de forma activa na formación e concienciación da cidadanía na xestión sostible dos residuos, pero non só dos perigosos e aceites vexetais. Este ano queren ir máis aló e por iso aliáronse cunha firma de eventos para introducir a concienciación ambiental nos centros escolares dunha forma lúdica e divertida. “Queremos contribuír a que os adultos do mañá se comprometan coa protección ambiental”, asegurou Arancha Mañas, quen incidiu na importancia de que o residuo chegue nas mellores condicións ao xestor final e “para iso necesítase da complicidade da cidadanía”.
Saúdos, Departamento de Comunicación