- Toallitas, bastoncillos ou produtos de hixiene íntima supoñen un grave perigo cando son arroxados directamente á natureza ou chegan á mesma a través das canles de saneamento.
Cerceda, a 5 de xaneiro de 2021.- O proxecto Libera recorda que tirar residuos hixiénicos a través do inodoro ou na natureza ten un alto impacto ambiental. A través da campaña “A Criatura” pon de relevo esta problemática, incidindo en que os cidadáns deben adquirir hábitos preventivos mediante un consumo responsable e non arroxar polo váter nada que non sexan as deposicións, orina e papel hixiénico.
Segundo datos da Asociación Española de Abastecemento de Augas e Saneamento (AEAS), os españois consumimos máis de 15 kg de toallitas húmidas por persoa ao ano, sendo a maioría desbotadas a través do inodoro. O mesmo sucede con outros artigos utilizados no cuarto de baño como algodón, bastoncillos, lentillas, produtos de hixiene feminina ou preservativos
Estes produtos non adoitan ser biodegradables, xa que habitualmente están compostos por diferentes polímeros plásticos. Conforme á información de Women’s Enviromental Network, o 90% dunha compresa e o 6% dun tampón é plástico, e contribúen a provocar a morte a máis dun millón de aves mariñas e ao redor de 100.000 mamíferos cada ano.
Pero estes refugallos non só son un perigo para a fauna, senón que tamén constitúen unha ameaza para a nosa saúde. Moitos dos materiais desbotados polo inodoro descompóñense parcialmente, xerando microplásticos. Un exemplo son as lentillas, cuxas partículas fragmentadas poden ser inxeridas pola fauna mariña que, posteriormente, entra na nosa dieta.
Ademais, este ano hai que sumar un novo residuo, as máscaras desbotables, cuxo destino debe ser o contedor da fracción resto.
Fonte e imaxe: Libera