- Celebrarase, do 28 ao 31 de maio, no Centro Cultural de Belém, sendo a primeira vez que este evento, de carácter bienal, terá lugar nunha cidade do sur de Europa, tralos éxitos colleitados en Hamburgo (2013), Copenhague (2015) e Glasgow (2017).
- O seu principal obxectivo será difundir o coñecemento en materia de adaptación ao cambio climático a fin de previr e reducir o risco de desastres causados por fenómenos extremos e buscar solucións que permitan avanzar cara a un futuro seguro para as persoas e os ecosistemas.
- A previsión é que o encontro aglutine a participación de mil persoas, entre as que se atoparán comunidades de investigadores, responsables políticos, autoridades e axencias nacionais, rexionais e locais, organizacións non gobernamentais, empresarios e startups asociadas a servizos climáticos.
Cerceda, a 6 de maio de 2019.- A Comisión Europea elixiu Lisboa, a capital de Portugal, para acoller a cuarta edición da ECCA (European Climate Change Adaptation), un dos eventos de referencia no ámbito de adaptación ao cambio climático.
Terá lugar, do 28 ao 31 de maio, no Centro Cultural de Belém, coa particularidade de que será a primeira vez que se celebrará nunha cidade do sur de Europa, tralos éxitos previos colleitados en Hamburgo, no ano 2013, Copenhague, en 2015, e Glasgow, en 2017.
ORGANIZACIÓN E ALCANCE
Esta cuarta edición, que conta co apoio do Concello de Lisboa e o Ministerio de Medio Ambiente de Portugal, entre outros, está coorganizada por tres proxectos de investigación e innovación da Comisión Europea (Horizonte 2020), isto é, PLACARD (Plataforma para a adaptación ao clima e redución do risco), coordinado pola Facultade de Ciencias de Lisboa; BINGO (Levando a innovación á xestión da auga en curso), coordinado polo Laboratorio Nacional de Enxeñería Civil de Portugal; e RESCCUE (Resiliencia para facer fronte ao cambio climático en áreas urbanas), coordinado por Aquatec-Suez Advanced Solutions, con sede en Barcelona.
Dado que o cambio climático constitúe a gran ameaza e o gran desafío para a humanidade neste século, urxe a articulación de medidas para reducir os riscos ambientais, sociais e económicos vinculados ao mesmo, así como a procura de solucións que permitan albergar esperanza nun futuro seguro para as persoas e os ecosistemas.
É por isto que o principal obxectivo deste evento, que ten carácter bienal, será precisamente difundir o coñecemento na materia a fin de previr e reducir o risco de desastres causados por fenómenos extremos. Dado que aumentar a resiliencia das sociedades constitúe unha prioridade, prestarase especial atención á transferencia de coñecemento entre ciencia e innovación, gobernanza e boas prácticas, e ao intercambio de experiencias.
TEMÁTICAS E PÚBLICO OBXECTIVO
Entre as temáticas a abordar, cabería destacar os datos e metodoloxías relacionadas coa adaptación ao cambio climático e á redución do risco de desastres; a coprodución de coñecementos, solucións e servizos; a comunicación, intercambio de datos e apoio á tóma de decisións; as institucións, gobernanza, cidadanía e xustiza social; os retos climáticos globais; e a xestión do risco climático e resiliencia.
A previsión é que o encontro aglutine a participación de mil persoas, entre as que se atoparán comunidades de investigadores, responsables políticos, autoridades e axencias nacionais, rexionais e locais con competencias na implementación de plans e medidas de adaptación ao cambio climático e organizacións non gobernamentais, así como o sector empresarial, emprendedores e startups asociadas a servizos climáticos.
Fonte: www.cetaqua.com
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación