- A sexta edición da campaña “1 m2 contra a basuraleza” do Proxecto LIBERA, materializada o pasado 11 de xuño, desenvolveuse en máis de 700 espazos naturais, logrando caracterizar máis de 69.000 residuos
- Entre os refugallos máis frecuentes destacan as cabichas, ademais doutros tales como as pezas de plástico de 0 a 2,5cm, bolsas e envoltorios, e papel/cartón, destacando igualmente as máscaras, toalliñas e pneumáticos
Cerceda, a 19 de xuño de 2022.- Máis de 12.000 persoas voluntarias participaron o pasado 11 de xuño na sexta edición da campaña ‘1 m2 contra a basuraleza’ do Proxecto LIBERA, cuxo obxectivo é concienciar á sociedade sobre o impacto ambiental do abandono de lixo.
A través das batidas efectuadas en 711 espazos naturais de todo o país, logrouse recoller 104 toneladas de residuos e caracterizar un total de 69.134 atopados en contornas terrestres, fluviais e mariños de todas as provincias españolas.
De novo, a iniciativa estivo apoiada pola súa Maxestade a Raíña Dona Sofía, quen, a través da Fundación que leva o seu nome, participou como unha voluntaria máis do proxecto nunha recollida efectuada en Boadilla del Monte (Madrid).
Así mesmo, a cita contou coa colaboración e o respaldo de entidades científicas, educativas e divulgativas que forman parte da rede de alianzas de LIBERA, entre as que figuran Cruz Roja, ANSE, Promemar, Alnitak, ADESP ou Paisaje Limpio. Pola súa banda, 110 concellos crearon puntos de recollida de basuraleza.
CABICHAS E PEZAS DE PLÁSTICOS, OS RESIDUOS MÁIS HABITUAIS
As cabichas e as pezas de plásticos de 0 a 2,5 cm foron os residuos máis frecuentes a nivel nacional durante as recollidas, aparecendo tamén, nos espazos naturais, bolsas, envoltorios, papel/cartón e latas de bebida, destacando igualmente as máscaras, toalliñas e pneumáticos.
Fonte e imaxe: Proxecto LIBERA