- O próximo 5 de decembro, esta empresa pública impartirá sesións formativas no CEIP Sagrado Corazón, mentres que o día 12 o fará en “As Gándaras”.
- As explicacións xirarán en torno á correcta xestión dos residuos a través da aplicación do principio dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), profundando no consumo responsable, a diminución do desperdicio alimentario e as bondades da compostaxe doméstica.
- Ambas xornadas servirán igualmente para que os estudantes consulten todas as súas dúbidas neste ámbito e que reforcen os seus coñecementos para levar a cabo unha tarefa educativa na súa contorna máis inmediata.
Cerceda, a 3 de decembro de 2019.- Máis de 200 escolares do CEIP “Sagrado Corazón” e do CEIP “As Gándaras” de Lugo serán formados por Sogama en materia de reciclaxe. As sesións terán lugar os próximos días 5 e 12 de decembro respectivamente.
En ambos casos, os monitores explicarán a problemática que representa a elevada produción de residuos nas sociedades modernas e o risco que este fenómeno trae consigo se non se aplican as boas prácticas por parte dos distintos sectores de poboación.
Neste sentido, apelarase á colaboración cidadá, toda vez que desempeña un papel esencial a través do consumo responsable e consciente, a redución da xeración de lixo en orixe, o máximo aproveitamento dos produtos e a activa participación na reciclaxe, previa segregación dos materiais por tipoloxías e posterior depósito dos mesmos nos contedores habilitados nas vías públicas.
Adquirir artigos a granel e co menor envase e embalaxe posible, levar a bolsa de casa á compra, aproveitar o papel por ambas caras e dar prioridade aos utensilios con recambio, rexeitando os de usar e tirar, constitúen pequenos xestos con grandes beneficios.
COMER SI, TIRAR NON
Tamén se prestará atención ao desperdicio alimentario, xa que un terzo da comida que se produce no mundo para o consumo humano acaba refugada.
Se ben as perdas teñen lugar en toda a cadea de produción, subministración e consumo, o certo é que o fogar contribúe a esta mala praxe nun 42%, sendo o pan, as froitas e as hortalizas os alimentos que, con maior frecuencia, acaban no cubo do lixo.
Neste marco, proporcionaranse pautas para actuar con responsabilidade: revisar primeiro a despensa e a neveira para consumir antes os produtos máis antigos, adquirir só o necesario, diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente (a primeira indica o momento a partir do cal un produto pode ser prexudicial para a saúde e, a segunda, o momento no que, se ben pode perder propiedades tales como textura, sabor e olor, non representa unha ameaza para a saúde), facer un oco na cesta da compra para os alimentos feos, xa que teñen as mesmas propiedades nutritivas que os guapos, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novos menús.
Tomando como referencia distintos exemplos, intentarase trasladar á comunidade educativa que, cando se tira un tomate ao lixo, desperdícianse todos os recursos que se investiron no seu cultivo, transporte e comercialización (terra, traballo dos agricultores, combustible, auga, enerxía, etc.).
COMPOSTAXE DA MATERIA ORGÁNICA
Falarase tamén de compostaxe doméstica, unha magnífica alternativa para os residuos alimentarios (non comestibles) e os restos vexetais. O colexio de “As Gándaras” dispón dun composteiro subministrado por Sogama, de 400 litros de capacidade e fabricado con materiais reciclados e reciclables, onde profesores e escolares depositan a materia orgánica xerada no comedor para a súa transformación en compost, un abono natural, 100% ecolóxico, que logo aplican na súa horta e xardín.
As xornadas servirán igualmente para que os estudantes consulten todas as súas dúbidas e que reforcen os seus coñecementos para levar a cabo unha tarefa educativa na súa contorna máis inmediata.
Saúdos, Departamento de Comunicación