
- O evento, que terá lugar este sábado, 22 de marzo, de 20:30 a 21:30 hora local, concíbese como un xesto simbólico dun movemento global en defensa do medio ambiente e as persoas
- En España, xa son preto de 300 os municipios que se suman a esta iniciativa
Cerceda, ao 19 de marzo de 2025.- O vindeiro sábado, 22 de marzo, celebrarase o tradicional apagamento simbólico en todo o mundo para apoiar unha campaña, a Hora do Planeta, que leva 19 anos reivindicando a unidade global fronte á emerxencia climática.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, os monumentos máis emblemáticos apagaranse outra vez durante unha hora (de 20.30 a 21.30). É o caso da Ópera de Sídney, a Torre de Tokio, a cidade chinesa de Ordos, o Estadio Nacional de Pequín, Taipei 101, a Torre Namsan de Seúl, a Porta da India, o London Eye, o Coliseo, a Basílica Vaticana, a Porta de Brandenburgo, a Torre Eiffel, o Castillo de San Jorge, o Empire State Building, as Cataratas do Niágara, o Cristo Redentor ou a Ponte Katembe de Maputo.
No caso de España, xa son 290 as cidades e pobos que se suman a este movemento en defensa do Planeta, ademais de monumentos tales como a Sagrada Familia, a Catedral de Burgos, a Porta de Alcalá, a Basílica da Nosa Señora do Pilar de Zaragoza, o Miguelete e a Catedral de Valencia, as Casas Colgadas de Cuenca, a Cidade Monumental de Cáceres ou o Museo Guggenheim de Bilbao, entre outros moitos.
Nunha contorna política mundial polarizada e con comunidades de todo o mundo sometidas a unha gran presión, a Hora do Planeta, promovida por WWF, pretende ser un faro de esperanza que inspire un futuro mellor para todas as persoas. Este 2025 supón, a xuízo da organización, unha oportunidade, un punto de inflexión e un momento crucial para a toma de decisións e accións urxentes encamiñadas á mitigación dos fenómenos climáticos extremos, así como a restauración da natureza.
Dende 2007
A Hora do Planeta nacía en Sidney, no ano 2007, como un xesto simbólico (apagar as luces de edificios e monumentos durante unha hora) para chamar a atención en torno á problemática do cambio climático.
A ciencia advirte sobre a necesidade de manter o aumento da temperatura global por baixo de 1,5 °, pero o certo é que 2024 xa foi o ano máis cálido da historia dende que se teñen rexistros e xa estamos en 1.5ºC.
Este aumento da temperatura global traduciuse en fenómenos meteorolóxicos extremos como inundacións, ondas de calor e incendios devastadores cada vez máis frecuentes. O noso país foi golpeado dramaticamente por estes fenómenos coa DANA de Valencia.
Este día, lémbranos que a natureza é o noso sistema de soporte vital, que nos brinda todo o que necesitamos, dende o aire que respiramos ata a auga que bebemos e os alimentos que comemos, e que debemos defendela agora para salvagardar a saúde do noso planeta e, á súa vez, a nosa propia saúde e benestar.
Fonte e imaxe: Hora do Planeta