
- Os portos participantes distribúense en cinco comunidades autónomas, entre a que se atopa Galicia
- Esta acción enmárcase na campaña Upcycling the Oceans, promovida en 2015 por Ecoalf e á que se sumou Ecoembes un ano despois
- O éxito desta iniciativa reside no esforzo dos pescadores, os cales separan os residuos atrapados nas súas redes, trasládanos ao porto e alí deposítanos, unha vez clasificados, nos distintos contedores para que poidan ser reciclados e convertidos en novos recursos
Cerceda, a 21 de marzo de 2025.-Dada a gran cantidade de residuos que acaban no mar, representando un risco para a saúde das persoas e unha seria ameaza para a biodiversidade mariña, en 2015, e para contribuír a reverter esta situación, a Fundación Ecoalf puxo en marcha Upcycling the Oceans, proxecto ao que se sumou Ecoembes un ano despois.
O éxito desta iniciativa, baseada na colaboración, o compromiso e a concienciación ambiental, reside no esforzo dos seus verdadeiros protagonistas, os pescadores, os cales, ao atopar residuos atrapados nas súas redes, trasládanos a terra firme e deposítanos nos contedores dos portos para que poidan ser reciclados e convertidos en novos recursos.
No ano 2024, grazas á implicación de 2.729 pescadores, maioritariamente de arrastre, recolléronse un total de 151.540 kg de lixo dos fondos mariños españois. Ademais, durante o pasado exercicio, uníronse ao proxecto os portos galegos de Vigo e Marín, sumando así un total de 47 portos pesqueiros colaboradores distribuídos en cinco comunidades autónomas: Galicia, Cataluña, Comunidade Valenciana, Región de Murcia e Andalucía.
En concreto, desde o comezo desta colaboración, recuperáronse no litoral español 1.348 toneladas de residuos do fondo mariño como resultado da actividade diaria e o compromiso desta rede de pescadores.
Basilio Otero, mariñeiro de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, leva anos participando en Upcycling The Oceans e destaca “a importancia de que o sector pesqueiro non só colabore na limpeza do mar, senón que tamén o faga visible da man de Ecoembes. No meu día a día, utilizo os contedores instalados nos barcos para recoller tanto os residuos xerados a bordo como os que aparecen nas artes de pesca”. Ademais, subliña que “a maior parte do lixo mariño provén de terra, e proxectos como este axudan a desmontar a mala imaxe que ás veces se asocia inxustamente ao sector pesqueiro”.
Recuperar, separar, reciclar e procesar
Para paliar esta problemática, perséguese un modelo baseado en 4 accións fundamentais: recuperar, separar, reciclar e procesar. A primeira fase comeza no mar, cando os pescadores saen a faenar e enfróntanse, día a día, a unha crítica realidade: atopar nas súas redes residuos mariños que separan de forma minuciosa dos peixes que logo chegan aos nosos fogares.
Unha vez regresan ao porto, depositan os refugallos nos contedores específicos facilitados polo proxecto, e logo son transportados ás plantas de separación para a súa clasificación e o seu posterior procesamento. No caso dos residuos de plástico PET, ademais, unha vez transformados en granza, trátanse para converterse no fío de mar de Ecoalf, un poliéster 100% reciclado que se utiliza para confeccionar produtos coa mesma calidade e deseño que os non reciclados.
Outro dos valores deste proxecto é a obtención de información a través da ciencia e o estudo do lixo que se recupera. Grazas a iso, enriquécese tamén o coñecemento que existe sobre esta problemática e contribúese á procura de solucións.
Fonte e imaxe: Ecoembes