- Un total de 25 centros de primaria das catro provincias galegas participan nesta iniciativa, canalizada á súa vez a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
- Mediante distintas sesións presenciais, apoiadas por material didáctico e divulgativo, incidiuse na problemática que representa a elevada xeración de residuos, como facer fronte á mesma a través dos tres erres, así como na imperiosa necesidade de trasladar as boas prácticas ambientais á contorna familiar e social para que estas teñan continuidade máis aló das aulas.
- Adicionalmente, esta entidade pública proporcionou aos colexios diversos medios materiais (illas de reciclaxe e composteiros) para que poidan levar a cabo os seus proxectos, así como didácticos e divulgativos para reforzar os seus coñecementos ambientais na xestión sostible dos residuos urbanos.
Cerceda, a 27 de xaneiro de 2020.- Tras unha primeira fase de diagnóstico e recollida de datos, así como de dotación dos medios materiais necesarios para que os 25 centros educativos de primaria adscritos ao programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, poidan levar a cabo os seus proxectos no marco desta iniciativa, esta mesma semana culminará o período de formación presencial nos distintos colexios participantes.
Desta forma, máis de 3.000 escolares e 300 profesores están a recibir formación presencial a cargo de técnicos especializados. Mediante distintas sesións apoiadas con recursos didácticos tales como vídeos, presentacións e xogos, incidiuse na problemática que representa a elevada produción de lixo, como facer fronte á mesma a través do consumo responsable, comportamentos a adoptar para minimizar a xeración de residuos e participar activamente na reciclaxe a través da correcta segregación dos mesmos en orixe e posterior depósito nos contedores correspondentes.
Insístese tamén na importancia e imperiosa necesidade de trasladar as boas prácticas ambientais á contorna familiar e social para que estas teñan continuidade máis aló das aulas e que os pequenos actúen como axentes do cambio cara a un mundo máis sostible.
DOTACIÓN DE MEDIOS MATERIAIS E DIDÁCTICOS
Os centros que participan nesta iniciativa, e que pertencen ás catro provincias galegas, contan coas denominadas “illas de reciclaxe”, conformadas por tres contedores de recollida selectiva (amarelo, azul e verde xenérico) nos que os membros da comunidade educativa deben depositar os seus residuos de forma segregada a fin de propiciar a súa recuperación e darlles unha nova vida.
Ademais, aqueles colexios que dispoñen de comedor escolar e terreo (horta ou xardín), recibiron un composteiro, de 400 litros de capacidade e fabricado con materiais reciclados e reciclables, co obxectivo de que introduzan neste recipiente a materia orgánica xerada a fin de que se converta en compost, un abono natural e de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
Sogama mantén un contacto permanente cos centros co obxecto de facer un seguimento do seu traballo e resolver todas as dúbidas que poidan presentar, ademais de axudalos nas súas tarefas.
Máis aló das sesións formativas presenciais, esta entidade pública proporcionou aos colexios diverso material didáctico e divulgativo para reforzar os coñecementos de alumnos e profesores no ámbito dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Así mesmo, os que así o desexen teñen a oportunidade de visitar o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para comprobar de primeira man o resultado do seu esforzo e colaboración.
Adicionalmente, o próximo 3 de febreiro comezará un curso online que, baixo o título “A educación ambiental na economía circular”, imparte Sogama a través da plataforma de formación do profesorado dependente da Xunta de Galicia (CAFI), dirixíndose aos docentes de infantil e primaria.
Saúdos, Departamento de Comunicación