- No marco do proxecto “Ecohosteleros”, Ecoembes entregoulles un total de 25.147 papeleiras e cubos amarelos e azuis, ademais de ofrecerlles formación e recursos sobre reciclaxe, sostibilidade e redución do desperdicio alimentario, entre outros
Cerceda, a 2 de agosto de 2023.-Hoteis, restaurantes e cafeterías constitúe un sector que, cada vez máis, está a demostrar o seu compromiso coa sostibilidade sumándose a iniciativas como “Ecohosteleros”, promovida por Ecoembes.
Un total de 34.603 establecementos HORECA xa forman parte deste proxecto, que busca fomentar a reciclaxe dos envases que se xeren nas súas instalacións. Para isto, desde que se puxo en marcha, en 2016, a organización ambiental, en colaboración con FACYRE (Federación de Asociacións de Cociñeiros e Reposteiros de España), entregou a estes locais un total de 25.147 papeleiras e cubos amarelos e azuis para que poidan contribuír á reciclaxe dos envases de plástico, metal e briks (contedor amarelo), así coma do papel e cartón (contedor azul) que xeran.
Ademais, co propósito de fomentar entre o sector as prácticas ambientais, os establecementos recoñecidos como ‘Ecohosteleros’ teñen á súa disposición formación e recursos, a través dunha plataforma en liña, sobre actualidade lexislativa no sector e temas como slow food, servizo de entrega a domicilio (delivery), seguridade e calidade alimentaria ou trash cooking.
Así mesmo, reciben unha newsletter mensual coas principais novidades en materia de sostibilidade do sector e poden acceder a artigos e noticias sobre reciclaxe, eventos ou tendencias.
Outra das posibilidades que ofrece esta plataforma é o acceso a diferentes servizos e incentivos como invitacións a feiras gastronómicas, tanto autonómicas como nacionais, unha canle de comunicación directa cos membros da comunidade e a administración local, packs de contidos para as súas redes sociais, auditorías gratuítas sobre a pegada dixital das redes sociais ou materiais como dípticos e guías sobre a correcta separación de residuos.
Fonte e imaxe: Ecoembes