- Esta recollida, materializada o pasado verán, enmárcase na campaña “Ponte las pilas y recicla”, promovida polas Fundacións Ecopilas e ECOMAR.
- Dous centros galegos atópanse entre os tres premiados: Club do Mar Cariño da Coruña, proclamado gañador, e Cataventos Escola de Vela de Muxía (A Coruña), que logrou a terceira posición.
Cerceda, a 23 de outubro de 2020.- Os 72 clubs náuticos e escolas de vela de toda España que participaron na última edición da campaña “Ponte las pilas y recicla”, desenvolvida o pasado verán, recolleron, malia o impacto da crise sanitaria orixinada polo COVID e a menor mobilidade dos cidadáns, un total de 1,2 toneladas de pilas usadas. Unha cifra que as entidades promotoras desta iniciativa, as fundacións Ecopilas e ECOMAR, valoran como moi positiva, toda vez que evidencia a crecente concienciación dos cidadáns por propiciar a reciclaxe, aínda nas circunstancias menos favorables. Desde 2015, esta convocatoria permitiu reciclar 7,7 toneladas destes residuos.
Durante a campaña, Ecopilas repartiu centos de mini-recopiladores domésticos e instalou un contedor en cada un dos 72 centros adheridos ao programa de educación medioambiental Grímpola ECOMAR, dirixido a escolares de entre 7 e 14 anos. Este programa complementa a formación deportiva coas Experiencias Ecomar, talleres de sensibilización sobre o respecto ao medio ambiente.
Dous centros coruñeses, entre os tres premiados
Por segundo ano consecutivo, o centro que máis pilas recolleu foi o Club Do Mar Cariño da Coruña, con 460 quilos. Actividades Náuticas de Tenerife fíxose coa segunda posición ao ter recollido 239 quilos, e Cataventos Escola de Vela de Muxía (A Coruña) posicionouse en terceiro lugar con 160 quilos.
Os premios consisten en material deportivo (chalecos salvavidas e velas para barcos da clase Optimist).
Fonte e imaxe: Fundación Ecomar