- O programa de visitas da Sociedade incorpora como novidade a nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo convencional.
- Atendendo ás estritas normas de seguridade que rexen nunha infraestrutura destas características, o percorrido guiado variará en función das idades dos integrantes dos grupos.
- Trátase dun programa que, máis aló de evidenciar a política de transparencia da que pode facer gala esta entidade, contribúe en gran medida a informar e formar aos cidadáns na correcta xestión dos residuos urbanos.
- A día de hoxe, polo Complexo cercedense pasaron preto de 76.500 persoas.
Cerceda, a 16 de xaneiro de 2020.- Da orde de 70 colectivos sociais que aglutinan a máis de 2.800 persoas, xa reservaron data para visitar o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda durante os primeiros meses deste ano que acaba de arrincar.
Centros escolares, asociacións, universitarios e delegacións empresariais quixeron formar parte do programa de visitas ao epicentro da actividade industrial desta empresa pública para comprobar por si mesmos o percorrido que seguen os residuos desde que entran no mesmo ata que saen convertidos en recursos.
A novidade deste ano é que os visitantes terán a oportunidade de ver o funcionamento da nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo convencional e que permitiu incrementar a capacidade do Complexo nun 81%, pasando a procesar actualmente 1 millón de toneladas anuais. Isto quere dicir que Sogama podería tratar en condicións óptimas todos os residuos urbanos producidos en Galicia.
TRANSPARENCIA INSTITUCIONAL PARA FORMAR E CONCIENCIAR
Atendendo ás estritas normas de seguridade que rexen nunha infraestrutura destas características, o percorrido guiado variará en función das idades dos integrantes dos grupos. Non obstante, o protocolo a seguir será similar ao de anos anteriores, dando comezo cunha sesión formativa a cargo de educadores especializados, reforzada como a proxección de presentacións e vídeos, seguida do itinerario, adaptado a cada tipo de colectivo, resolución de dúbidas e coloquio.
Trátase dun programa que, máis aló de evidenciar a política de transparencia da que pode facer gala esta entidade, contribúe en gran medida a informar e formar aos cidadáns na correcta xestión dos residuos, tomando conciencia da importancia que ten aplicar a prevención, a redución e a reciclaxe.
A nova planta de Sogama, concibida en liña coa industria 4.0, conseguirá “salvar” aqueles materiais que, por erro ou descoñecemento, foron introducidos erroneamente por parte do cidadán no contedor verde xenérico, propiciando así a súa remisión á industria transformadora para darlles unha nova vida.
Desta forma, a Sociedade Galega do Medio Ambiente conseguirá incrementar de forma notable a súa achega á reciclaxe e reducir o uso do vertedoiro, prevendo chegar este mesmo ano ao vertido técnico cero, esixencia do Parlamento Europeo para todos os Estados membros en 2035.
A día de hoxe, polo Complexo cercedense pasaron preto de 76.500 persoas.
Saúdos, Departamento de Comunicación