- Promovida e organizada pola Asociación de Centros de Ensino de Idiomas de Galicia (ACEIGA), tivo lugar o pasado sábado, 4 de maio, e enmarcouse no proxecto “The Lenguage of the Sea”, cuxo obxectivo é concienciar á poboación na necesaria protección do medio ambiente.
- Unha educadora ao servizo de Sogama foi a encargada de explicar a problemática do lixo mariño e a forma de separar os residuos para propiciar a súa posterior recuperación.
- Os participantes lograron recoller 163 quilos de refugallos: 30 quilos de envases lixeiros, 130 quilos de voluminosos tales como restos de madeira de palets, cordas e fracción non reciclable; e 3 quilos de envases de vidro.
- Materiais todos eles que, grazas á colaboración cidadá, deixarán de ser un foco de contaminación e pasarán a converterse en recursos.
Cerceda, a 8 de maio de 2019.- A inmellorable climatoloxía e o sol radiante acompañou unha xornada que fixo brillar, aínda máis, a praia de Coroso, no municipio coruñés de Riveira. E é que máis de 70 voluntarios participaron o pasado sábado, 4 de maio, nos labores de limpeza e recollida de residuos que integraron unha quedada promovida por ACEIGA, a Asociación de Centros de Ensino de Idiomas de Galicia, e que se enmarcou no proxecto “The Lenguage of the Sea”, cuxo obxectivo é concienciar á cidadanía na protección do medio ambiente desde a educación e as boas prácticas.
O evento foi replicado ese mesmo día noutros puntos de España por parte de distintas asociacións pertencentes á Federación Nacional de Centros de Estudo de Idiomas FECEI, da que forman parte ao redor de 70 academias e 10.000 alumnos, e cuxo cometido vai máis aló do propio ensino, toda vez que informan, forman e sensibilizan sobre a importancia de manter os nosos mares limpos e saudables.
A partir das 11 da mañá, os participantes xa estaban dispostos para aportar o seu gran de area a través da recollida de residuos. Con carácter previo, unha educadora ao servizo de Sogama, Catuxa Oviedo, pertencente á firma Applus, explicoulles a gran ameaza que representa o lixo para os océanos, dados os seus negativos efectos sobre os ecosistemas, a fauna, a pesca, o turismo e a propia alimentación humana.
Así, recordou que un 80% dos refugallos mariños teñen a súa orixe en terra, polo que os cidadáns dispoñen dunha gran marxe de manobra para contribuír a paliar esta situación, coa particularidade de que os plásticos constitúen os materiais máis frecuentes. Arrastrados polas correntes mariñas, realizan longas viaxes a través das cales poden ocasionar graves destrozos nas propias embarcacións, atentando igualmente contra a vida dos animais ao acabar atrapados nos mesmos ou ao inxerilos tras confundilos con alimento. En forma de microplásticos, chegan ás nosas mesas a través dos peixes que comemos ou do sal co que aderezamos os nosos pratos, con consecuencias aínda impredicibles para a saúde.
RESULTADOS EN CIFRAS
O esforzo tivo a súa recompensa: 163 quilos de refugallos recollidos, distribuídos da seguinte forma: 30 quilos de envases plásticos, latas e briks; 130 quilos de voluminosos tales como restos de madeira de palets, cordas e fracción non reciclable; e 3 quilos de envases de vidro. Residuos todos eles que, grazas a esta iniciativa, recibirán o tratamento axeitado, deixarán de ser un foco de contaminación e converteranse en novos recursos, seguindo os preceptos da economía circular.
ACEIGA foi capaz de mostrar, con feitos, o carácter transversal do medio ambiente e o gran poder que ten a educación e a colaboración para facer do planeta un mundo máis habitable, agora e no futuro.
Unha pequena e gran contribución, desde unha esquina do mundo, a ese loable proxecto de ONU Medio Ambiente que leva por nome “Mares Limpos” e ao que xa se sumaron numerosos países para liberar aos océanos do lixo que os afoga cada día.
Saúdos, Departamento de Comunicación