- As sesións formativas terán lugar o vindeiro venres, 8 de marzo, da man dos educadores desta entidade pública, os cales instruirán aos pequenos no consumo responsable, a menor produción de refugallos, a maior reutilización e a maior reciclaxe.
- A través de diversos recursos didácticos, os escolares adentraranse igualmente en problemáticas concretas tales como o lixo mariño e o desperdicio alimentario.
- A compostaxe doméstica tamén estará presente como unha magnífica opción coa que propiciar a reciclaxe da materia orgánica en vivendas unifamiliares con horta ou xardín.
Cerceda, a 6 de marzo de 2019.- Os educadores de Sogama viaxarán o vindeiro venres, 8 de marzo, ao termo municipal de Mos (Pontevedra) para impartir tres sesións formativas no colexio O Castro British-School. Os destinatarios serán máis dun cento de escolares de educación primaria, aos que se trasladarán as claves para xestionar os residuos urbanos de forma sostible.
Como non podía ser doutro xeito, os tres erres constituirán o epicentro destas clases medioambientais, instruíndo aos pequenos sobre o consumo responsable e os comportamentos cos que propiciar unha menor produción de residuos, unha maior reutilización e unha maior reciclaxe.
Tamén se lles explicará o cometido de Sogama e a infraestrutura coa que conta esta entidade pública para dar un correcto tratamento ao lixo xerado nos fogares, utilizando para isto un sistema a través do cal separa os residuos susceptibles de ser reciclados, enviándoos posteriormente á industria recicladora, e transforma a parte non reciclable en enerxía eléctrica.
Co obxectivo de incrementar a súa achega á reciclaxe, onde a colaboración cidadá tórnase en esencial, a empresa puxo en marcha, no seu complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña), unha nova planta de recuperación de materiais concibida en liña coa emerxente industria 4.0. Esta instalación, exemplo de innovación tecnolóxica, permite separar ata 11 tipoloxías de materiais contidos no lixo en masa, posibilitando que a compañía multiplique por catro os seus índices de reciclado e chegue no ano 2020 ao vertido técnico cero (10%), obxectivo establecido polo Parlamento Europeo para o ano 2035.
LIXO MARIÑO E DESPERDICIO ALIMENTARIO
A través de vídeos, presentacións e xogos, os nenos e nenas que estudan no colexio O Castro adentraranse igualmente en problemáticas concretas tales como o lixo mariño e o desperdicio alimentario, tomando conciencia do desafío que estas supoñen e a necesidade de colaborar activamente para evitar que os plásticos cheguen ao mar e diminuír a cantidade de comida que cada día acaba arroxada ao cubo do lixo.
AUTOCOMPOSTAXE
Tamén recibirán nocións sobre a compostaxe doméstica, unha magnífica alternativa coa que propiciar a reciclaxe da materia orgánica en orixe e evitar que esta acabe depositada no contedor verde convencional. As vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horto ou xardín) constitúen o escenario perfecto para a autocompostaxe, unha técnica xa tradicional no rural galego e que agora é recuperada para que os nutrientes contidos nos restos orgánicos regresen ao solo en forma de abono natural.
Saúdos, Departamento de Comunicación