- Cada illa está conformada por tres contedores (amarelo, azul e verde) de 120 litros de capacidade para acoller as distintas fraccións de residuos e propiciar o seu posterior reciclado.
- Na correcta operativa destes elementos participa toda a comunidade educativa, deseñando os centros, nuns casos, calendarios de traballo para que formen parte desta iniciativa todos os profesores e alumnos, e, noutros, contando con brigadas ambientais nas que se integran alumnos altamente sensibilizados co medio ambiente.
- Estes colectivos, denominados Ecovixiantes ou Patrullas verdes, exercen tamén un labor “policial” a fin de formar aos seus compañeiros e ata reprender algunha que outra conduta incívica.
- Son conscientes da importancia que ten separar correctamente os residuos en orixe para propiciar o seu reciclado. Se estes están contaminados, a cadea da recuperación crébase.
Cerceda, a 17 de abril de 2019.- Máis dun cento de illas de reciclaxe atópanse operando nos centros que viñeron participando nas distintas edicións de Recíclate con Sogama, un programa educativo enmarcado no Plan Proxecta da Xunta de Galicia e que ten por obxecto formar aos escolares na correcta xestión dos residuos urbanos a través da aplicación dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
A dotación destas illas constitúe unhas das accións mellor valoradas polos colexios, xa que permite á comunidade dispoñer dun espazo no que culminar a segregación dos residuos e depositalos nos recipientes axeitados para propiciar o seu posterior reciclado.
Cada illa está conformada por tres contedores de 120 litros de capacidade cada un (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; e verde xenérico, para a fracción resto). Na súa meirande parte, atópanse situadas nos patios das escolas, dispoñendo dos correspondentes sistemas de protección e anclaxe. Os colexios coidannas e é un lugar de peregrinaxe para toda a comunidade educativa.
ORGANIZACIÓN
As fórmulas de organización dos centros son diversas e adáptanse ás súas necesidades e idiosincrasia. Habitualmente, deseñan un calendario de traballo polo que rotan grupos de profesores e alumnos que se encargan de recoller de forma segregada os residuos xerados nas aulas e noutros habitáculos dos colexios e transportalos ata este punto de recollida.
Tralas correspondentes sesións formativas impartidas polos educadores de Sogama, os pequenos saben perfectamente que depositar en cada recipiente e afánanse en facelo de forma correcta para garantir a reciclaxe de todos os materiais. Saben que depositar residuos orgánicos no contedor amarelo ou no azul pode chegar a contaminar os envases e o papel/cartón, desperdiciando o traballo previo realizado.
Noutras escolas, existen xa grupos especializados. Son os Ecovixiantes ou as Patrullas Verdes. Grupos de alumnos cunha alta sensibilidade ambiental que participan voluntariamente nesta tarefa e exercen ata de policías, reprendendo algunha que outra conduta incívica dos seus compañeiros. Tamén levan a cabo labores de inspección dos contedores para comprobar a calidade dos materiais. Saben que se esta selección previa non é a correcta, a reciclaxe non estará garantida e con isto todos os beneficios ambientais asociados ao mesmo (aforro de enerxía e materias primas).
Unha media de 18 centros veñen participando cada curso académico en Recíclate con Sogama. Cando finaliza o período, e malia que xa non formen parte activa desta iniciativa, seguen traballando, de forma autónoma, cos medios materiais e didácticos que esta empresa pública puxo á súa disposición.
CHEGAR AOS FOGARES
Unha vez que a reciclaxe está implantada, xa non hai retorno. A cultura da recuperación de residuos estase instaurando con éxito no ámbito educativo. O reto agora, tal e como explican os docentes, é ser capaces de extrapolar estas boas prácticas diarias aos fogares e contorna social máis inmediata dos pequenos. “Adquirir hábitos de separación custa un pouco ao principio, pero, unha vez que colles a dinámica, este xesto xa forma parte da túa vida, coa satisfacción engadida de que estás contribuíndo a coidar o medio ambiente”. Así o explican moitos profesores que decidiron tomar parte activa na educación ambiental dos seus alumnos.
Recíclate con Sogama segue avanzando cada ano, coa satisfacción de que a súa impronta permanece nos centros que participaron nesta iniciativa: illas de reciclaxe coas que xa se están formando varias xeracións.
Saúdos, Departamento de Comunicación