- Trátase de estudantes universitarios e de Formación Profesional que, durante os últimos anos, realizaron prácticas nesta Sociedade a fin de adquirir experiencia en distintas disciplinas e acceder ao mercado de traballo con maiores garantías.
- Por primeira vez, este ano Sogama introducirase de cheo na FP dual a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Educación e o IES Monte Neme de Carballo para contribuír á formación de Técnicos Superiores en Mecatrónica Industrial.
- Os estudantes contarán na empresa cun titor que os axudará e guiará no proceso de aprendizaxe, centrado especialmente na nova planta de recuperación de materiais contidos na bolsa negra, concibida en liña coa industria 4.0.
Cerceda, a 10 de xullo de 2020.- Máis aló da súa vertente industrial e ambiental, Sogama é unha empresa pública cunha clara dimensión social que vela tamén pola inserción laboral dos mozos/as, complementando a súa formación académica. Así o acreditan máis de 30 estudantes, universitarios e de Formación Profesional que, durante os últimos anos, realizaron prácticas nesta Sociedade co obxectivo de adquirir experiencia en distintas disciplinas e acceder ao mercado de traballo con maiores garantías.
Así o explicou en EsRadio José Manuel Pallas Regueiro, técnico de Asesoría Xurídica, ademais de Responsable de Seguridade das instalacións que Sogama ten en Cerceda. Tras unha pormenorizada descrición das canles seguidas para dar unha oportunidade laboral aos recén titulados, ben a través de FEUGA, FUAC ou outras institucións, este ano, e por primeira vez, a compañía subscribiu un convenio de colaboración coa Consellería de Educación e o IES Monte Neme de Carballo a fin de participar activamente na FP dual (concretamente no ciclo de Técnico Superior de Mecatrónica Industrial), cubrindo así dúas disciplinas esenciais na operativa do Complexo cercedense tales como a visión artificial e a mecatrónica industrial.
A partir do próximo 15 de setembro, e coincidindo co inicio do curso académico 2020-2021, Sogama acollerá, en período de prácticas, a dous alumnos/as do instituto carballés, dándolles a oportunidade de combinar e complementar a formación académica e a propiamente empresarial. Para isto contarán cun titor na empresa que os axudará e guiará no proceso de aprendizaxe, centrado especialmente na nova planta de recuperación de materiais contidos na bolsa negra, concibida en liña coa industria 4.0.
PONTE CARA AO MERCADO LABORAL
Pallas Regueiro puxo en valor o traballo incansable que Sogama veu levando a cabo na formación e cualificación de futuros profesionais en diversas áreas de coñecemento, coa vantaxe engadida de que, dado o amplo abanico de subcontratas coas que a empresa matriz traballa, constitúe igualmente un bo escaparate co que abrir a porta a oportunidades de emprego.
Cun balance que cualificou de moi positivo, tanto para a Sociedade Galega do Medio Ambiente como para os propios estudantes, incidiu na necesidade de contar con profesionais preparados para os novos retos aos que a industria e a sociedade no seu conxunto se enfrontan, e onde a electrónica, a robótica, a informática e as comunicacións nas súas diferentes modalidades cobrarán especial protagonismo.
Saúdos, Departamento de Comunicación