
- Editorial do presidente de Sogama correspondente ao boletín corporativo do presente mes
Debido á aplicación dunha serie de medidas estatais que van máis aló dos impostos establecidos á vertedura e á incineración, e ante a negativa do Goberno central de dar marcha atrás nas súas pretensións de seguir penalizando a empresas de xestión de residuos e cidadanía, Sogama viuse obrigada a actualizar o seu canon para este ano 2025. Non facelo tería graves consecuencias para a prestación do seu servizo, que non é outro que xestionar e tratar de forma sostible os residuos producidos por 295 concellos que acollen a máis de 2,2 millóns de habitantes.
Logo de varios exercicios de estabilidade financieira, froito dunha xestión prudente, racional, consecuente e reflexiva, pero tamén innovadora, investidora e de futuro, as decisións adoptadas desde Madrid provocaron que esta entidade pública entrase en perdas e tivese que lidiar cun desaxuste de máis de 30 millóns de euros. Unha situación insostible que comprometía o seu labor na protección do medio ambiente e a saúde pública.
Así as cousas, e tras un exhaustivo estudo económico-financeiro, a compañía actualizou o seu canon para a fracción resto (108 euros/tonelada) e a Xunta de Galicia saíu de novo ao rescate dos concellos para minimizar o impacto das accións promovidas polo Estado, asumindo o 60% da suba do prezo do servizo prestado por Sogama.
Os entes locais, ademais de recibir un ingreso de 12 euros/tonelada procedente da Administración autonómica a través dun FCL adicional, tiveron a opción de acollerse a un canon reducido de 95 euros/tonelada, condicionado ao cumprimento dun destes dous requisitos: reducir a produción de residuos nun 1% respecto dos resultados do exercicio inmediatamente anterior ou incrementar a reciclaxe da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) ou marrón (materia orgánica) nun 3%. Con isto, o custe real do servizo podería baixar ata os 83 euros/tonelada e, ademais, con marxe de mellora se os concellos minoran en maior medida a xeración de residuos e contribúen á reciclaxe das distintas fraccións de residuos, polo que tamén recibirán ingresos procedentes de entidades tales como Ecoembes e Ecovidrio. Desta forma, só o 31,20% da actual composición media dunha bolsa negra debería chegar a Sogama para recibir tratamento.
Xerar menos residuos e reciclar máis supón unha oportunidade para a economía circular e, polo tanto, para a conservación dos escasos e limitados recursos naturais dos que dispón o planeta, así como para o aforro de enerxía, pero sobre todo, supón unha oportunidade para un futuro sostible.
Presidente
Javier Domínguez Lino
Boletín completo: https://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/pdf/2025-04/newsletter60_sogama.pdf