- Dado que a xeración de residuos adoita incrementarse nesta época do ano, Sogama recorda a necesidade de consumir de forma responsable e de aproveitar ao máximo os produtos a fin de alongar a súa vida útil, evitando que acaben no lixo.
- Apela tamén á correcta segregación dos refugallos en orixe para posibilitar a súa transformación en novos recursos, propiciando o aforro de enerxía e de materias primas virxes.
Cerceda, a 31 de decembro de 2020.- Adentrados de cheo no particular Nadal deste ano, se hai algo que non cambiou é a necesidade de manter o compromiso coa protección do medio ambiente e a saúde a través da correcta separación dos residuos en orixe e o posterior depósito dos mesmos nos contedores correspondentes co obxectivo de propiciar o seu reciclado.
Dado que a xeración de refugallos adoita incrementarse nesta época do ano, Sogama recorda a necesidade de consumir de forma responsable e de aproveitar ao máximo os produtos a fin de alongar a súa vida útil, evitando que acaben no lixo. Así mesmo, chama a atención sobre o desperdicio alimentario, toda vez que nestas datas concéntranse moitas celebracións nas que se cociña de forma abundante, resultando prioritario adaptar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novos menús.
DE RESIDUO A RECURSO
Pola súa banda, os residuos xerados deben segregarse en orixe e introducirse nos contedores habilitados nas vías públicas. No caso de Sogama, o contedor amarelo acolle os envases de plástico, as latas e os briks; o azul, o papel e cartón; o iglú verde, as botellas, frascos e tarros de vidro; e o verde xenérico, a fracción resto, é dicir, a parte non reciclable do lixo, incluíndo as máscaras desbotables.
Con este pequeno esforzo, os cidadáns estaremos contribuíndo en boa medida á reciclaxe e, xa que logo, aos seus beneficios ambientais, propiciando o aforro de enerxía e materias primas virxes. Ao garantir que os produtos se manteñan na economía o maior tempo posible, limitaremos en boa medida os xa escasos recursos naturais e contribuiremos a un verdadeiro desenvolvemento sostible enmarcado na economía circular.
En calidade de empresa pública autonómica adscrita á Xunta de Galicia, Sogama apela á responsabilidade individual e colectiva, especialmente nunhas datas nas que debemos estar moi alerta para seguir loitando contra a COVID-19, seguindo en todo momento as instrucións e recomendacións dispensadas polas autoridades competentes.
Protexéndonos a nós, protexeremos aos demais, e preservando a contorna, contribuiremos a coidar tamén da saúde de todos.
Saúdos, Departamento de Comunicación
Imaxe: Pixabay